Día de Rosalía con actos por todo o país e un ‘Caldo de Gloria’

Galicia conmemora este sábado o nacemento da poeta, símbolo do país.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 23/02/2018 | Actualizada ás 16:56

Comparte esta noticia

A Fundación Rosalía de Castro e a Casa-Museo de Rosalía de Padrón volven conmemorar o Día de Rosalía —24 de febreiro, data do seu nacemento en 1837— co ‘Caldo de Gloria’, unha iniciativa inspirada no poema 'Miña casiña, meu lar' no que a poeta explica como facer un caldo humilde e no que se relata a épica diaria da supervivencia. O ‘Caldo de Gloria’ xa comezou a realizarse con éxito o ano pasado, cun seguimento masivo en Padrón ao que se uniron ducias de establecementos por todo o país. 

A escritora e poetisa, Rosalía de Castro
A escritora e poetisa, Rosalía de Castro

Nesta segunda edición, o encargado de preparar o 'Caldo de Gloria' na Casa-Museo será o cociñeiro Pepe Solla, do Grupo Nove, posuidor dunha estrela Michelin no seu restaurante de Poio Casa Solla. Sendo como é un dos principais representantes da nova cociña galega, Solla elaborará un 'Caldo de Gloria' do século XXI. Canda el estarán facendo os bolos do pote tres das mulleres responsables da Festa do Bolo do Pote de Mazaricos: Laura Prado,  Esther Muíño e María García Tuñas

Desta volta a iniciativa prosegue coa súa expansión polo país, congregando a máis de 130 restaurantes coa participación de novo de practicamente todos os locais da hostalería de Padrón (19), de Celanova (50) ou de Ferreira do Valadouro (12), xunto con moitos outros por toda Galicia.

Tamén se unen a esta proposta, apadriñada por Galicia Calidade, varios colexios que incorporarán o caldo ao menú escolar, ademais de concellos como Ames, Teo, Padrón, Brión, Santiago de Compostela, Celanova ou Ponteceso. 

O obxectivo da Fundación Rosalía con esta iniciativa é que toda Galicia celebre a Rosalía a partir do seu poema 'Miña casiña, meu lar' de Follas novas, no que a poeta explica como facer un caldo humilde e no que se relata a épica diaria da supervivencia protagonizada por unha muller.

"Queremos que en lugares públicos, coma os comedores escolares ou os locais de hostalería, ou tamén no ambiente familiar e íntimo, Galicia se lembre de Rosalía a través da nosa gastronomía popular e das leccións que nos dá a protagonista do poema: como sobrevivir e mesmo ser feliz a pesar da penuria e das adversidades", explican os impulsores desta iniciativa.

O caldo que se vai describindo ao longo do poema cos seus ingredientes (auga, sal, unto, verzas) e que incorpora o “bolo do pote”, responde ao que Picadillo, de quen se celebra o centenario, defendía en 1905 como caldo galego enxebre.

O que se pretende é que Galicia lembre a Rosalía no seu día compartindo en lugares públicos ou no ambiente familiar este caldo dos humildes, o dunha muller que representa a todos, coma Rosalía. "Sería unha maneira de celebrar en Galicia e no mundo o que nos une: a nosa cultura gastronómica popular e unha referencia galega e universal como é Rosalía. Iso si, acompañándoo coa lectura de poemas rosalianos", din desde a Fundación. 

O concerto da xornada correrá a cargo do Trío Rosalía, con voz (María José Ladra, mezzosoprano), óboe-corno inglés (Juan Pérez Berná) e piano (Margarita Viso), que ofrecerán un concerto no salón da Casa-Museo e tocando o piano da familia Rosalía. Interpretarán temas baseados nos textos rosalianos de autores como José Baldomir, Ignacio Tabuyo, Ángel Rodulfo, Juan Pérez Berná, Adnrés Gaos, Juan Durán, Francisco Piñeiro, Enrique Lens e a propia  Margarita Viso. 

PROGRAMACIÓN

11h. Alameda de Santiago de Compostela: Ofrenda floral diante da Estatua de Rosalía.

11.30. Capela do Hostal dos Reis Católicos en Compostela: acto institucional. Ao final servirase o Caldo de Gloria.

18.30. Casa-Museo en Padrón. Concerto de Trío Rosalía (piano, óboe e mezzo-soprano) no salón da Casa-Museo.

19.30. Caldo de Gloria para os asistentes na Casa-Museo de Rosalía en Padrón.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta