O Parlamento reclama por unanimidade que os gandeiros con pastos queimados poidan cobrar a PAC

Mini (BNG) denuncia que non se investiga sobre a velutina: "Non sabemos nada da súa vida privada, necesitamos que saia no Sálvame Deluxe"

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/02/2018 | Actualizada ás 13:41 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O Parlamento galego pediu este venres por unanimidade --logo dunha iniciativa do PSdeG transaccionada co PPdeG-- á Xunta que faga todas as xestións oportunas para que os gandeiros afectados polos incendios poidan cobrar as axudas da Política Agrícola Común (PAC) pola totalidade da súa superficie, incluídos os pastos queimados.

Comisión de Agricultura aproba unha iniciativa por Unanimidade
Comisión de Agricultura aproba unha iniciativa por Unanimidade | Fonte: Europa Press

E é que, segundo a normativa actual, aquelas terras destinadas ao pasto de animais que resultasen queimadas en incendios quedan excluídas do cobro das axudas comunitarias.

Por iso, esta petición do Parlamento, que saíu adiante na comisión de Agricultura, empraza á Xunta a actuar para que os produtores non teñan que "pechar a súa explotación debido á inviabilidade económica nun momento e situación excepcional".

O deputado socialista José Quiroga lembrou que a vaga de incendios de outubro tivo un "gran impacto negativo na actividade gandeira", con pasteiros e prados arrasados polo lume. Así, denuncia que o feito de que os afectados non poidan acceder a axudas europeas supón "un efecto político-administrativo que se mostra con toda a crueldade como unha especie de dobre castigo aos gandeiros".

Quiroga esixe actuar ante a "espada de Damocles que pende sobre os gandeiros de que perdan parte desas axudas". "Queremos que os nosos gandeiros non sexan vítimas por dobre partida", sinala.

Esta proposta alcanzou o consenso de todos os grupos. Respecto diso, Paula Quinteiro (En Marea) valora que haxa acordo para "dar facilidades a estas explotacións". Xosé Luís Rivas, Mini (BNG), ve "razoable" a proposta". E José Balseiros (PPdeG) mostra a "conformidade" do seu grupo coa petición, aínda que destaca a "sensibilidade" da Consellería de Medio Rural con esta cuestión. O PP REXEITA UN PLAN DE CHOQUE CONTRA A VELUTINA

Outro dos debates na mañá deste venres na comisión de Agricultura centrouse na petición de En Marea dun plan de choque contra a vespa velutina. Contou co respaldo do PSdeG e BNG, pero co rexeitamento dos populares.

Este plan demandaba unha batería de medidas como un trampeo masivo na primavera, axudas específicas para apicultores e potenciar liñas de investigación.

Neste sentido, Paula Quinteiro (En Marea) censura que a Xunta "non está a tomar as medidas adecuadas" mentres esta especie invasora invadiu "o 70% do territorio" desde 2012.

Ademais, censura que "non se están dando pasos" coa coordinación da loita contra a velutina, mentres a comisión de seguimento "non é funcional" e as trampas que repartiu a Xunta "son insuficientes". Por este motivo, os concellos están "a asumir eles o custo" e "actuando pola súa conta", incluso "tentando coordinarse coa Consellería de Medio Rural sen resposta".

Unha das cuestións sobre as que puxo o foco Quinteiro foi o reproche á Xunta e aos populares de que "é ridículo" que digan que "apostan pola investigación", "cando só teñen un convenio asinado" mentres as deputacións destinan máis fondos que o Goberno galego a este fin, recrimina.

Sobre este extremo, Mini (BNG) clamou porque na investigación e loita biolóxica "non se están dando os pasos necesarios" por parte da Xunta, xa que "non se sabe como se estende o bicho" nin "como se asenta". "Non sabemos nada da súa vida privada, necesitamos que saia en Sálvame Deluxe", chanceou.

Nesta liña, José Manuel Pérez Seco (PSdeG) mostra a súa "gran preocupación" por un asentamento da velutina cuns niveis "alarmantes". Cre "importante comezar canto antes" a prevención, con accións "antes de que chegue a calor" e evitar o incremento de niños primarios.

En contraposición, Raquel Arias (PPdeG) defendeu o traballo da Xunta contra unha praga que "veu para quedar". Xustifica a negativa á proposta de En Marea en que "non hai nada novo", pois "presentan vez tras vez a oferta dun trampeo masivo", pero "todos os datos científicos e de experiencias din que iso non se debe facer".

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta