Méndez Ferrín, Premio Laxeiro 2018 en recoñecemento a "toda unha vida dedicada á literatura galega"

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, cualifícao como un "personaxe fundamental no ámbito cultural e político de Galicia".

Por E.P. | VIGO | 22/02/2018 | Actualizada ás 19:06

Comparte esta noticia

O Padroado da Fundación Laxeiro, na súa reunión anual, acordou por unanimidade outorgar o Premio Laxeiro 2018 ao escritor Xosé Luís Méndez Ferrín, en recoñecemento a "toda unha vida dedicada á literatura galega", e celebrará a súa tradicional comida de entrega do galardón o próximo 24 de febreiro.

Méndez Ferrín, Premio Laxeiro 2018
Méndez Ferrín, Premio Laxeiro 2018 | Fonte: Europa Press

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, expresou este xoves a súa satisfacción polo premio a Méndez Ferrín, ao que cualificou como un "personaxe fundamental no ámbito cultural e político de Galicia".

Ferrín súmase, con este galardón, á selecta lista de persoas que foron recoñecidas co Premio Laxeiro: Francisco Fernández del Riego, Xaime Illa Couto, Carlos Oroza, Amancio Prada, María do Carme Kruckenberg, Silverio Rivas, entre outros.

Méndez Ferrín (Ourense, 1938) pasou a súa infancia e parte da súa mocidade entre a cidade das Burgas e Vilanova dos Infantes, en Celanova, até instalarse na que sería a súa residencia definitiva, Vigo, a mediados da década de 1950. Cursou estudos de Filoloxía en Santiago de Compostela e Madrid, onde fundou con estudantes e obreiros o grupo Brais Pinto; e deses anos son os seus primeiros libros, 'Voce na néboa' e 'Percival e outras historias'.

Ademais da súa faceta literaria e de investigador, desempeñou o seu labor como profesor no Instituto Santa Irene de Vigo, até a súa xubilación en 2009. Así mesmo, doutorouse na Universidade de Santiago cunha tese que se convertería en manual de referencia ('De Pondal a Novoneyra', 1984) e foi nomeado Doutor Honoris Causa pola Universidade de Vigo en 1999.

Membro da Real Academia Galega desde 2000 (e presidente entre 2010 e 2013), poeta, novelista e articulista, a súa achega literaria é indispensable para comprender a configuración da Galicia contemporánea e, no ámbito político, foi un dos fundadores da Unión do Povo Galego (UPG) na década de 1960.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

2 Arquetipo

Pobre Ferrín, con amigos como o mediocre paiaso Caballeruco éste e o especialista en Efebos Habaneiros Porky "Ché" Devolve os Stens Roubados, non precisa Nemigos.........

1 Ferriniano

Un dos grandes da literatura galega, que é o mesmo que dicir da literatura, sen adxetivos.

1 Natasha Rostova delaRestreva

O mais grande dos escritores vivos. Home valente ademais malia que non comparta as suas apostas politicas. Oxala nos agasallese inda que fose cun relato inedito.