Fiscalía atribúe ao acusado do asasinato de Tatiana Vázquez "agresións" previas e estima que tardou en morrer dúas horas

Pide para el 27 anos de cárcere e que sexa expulsado de España ao alcanzar o terceiro grao

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/02/2018 | Actualizada ás 14:33 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O Ministerio Fiscal considera que o acusado do asasinato de Tatiana Vázquez, exparella da moza, someteuna durante a súa relación a "menosprecios, vexacións e agresións físicas" co obxectivo de "impor a súa vontade", á vez que estima que a vítima, que recibiu máis de 50 puñaladas, non faleceu de forma instantánea, se non que tardou unhas dúas horas en morrer.

Así o recolle o escrito de acusación da Fiscalía para este caso, que será xulgado na Audiencia Provincial de Lugo no mes de maio, e ao que tivo acceso Europa Press.

En concreto, o fiscal indica que o home acusado, de orixe senegalesa, mantivo unha relación con Tatiana Vázquez, que tiña 24 anos no momento da súa morte, desde aproximadamente 2009 e durante máis de seis anos, nos que se produciron episodios de convivencia.

Durante estes períodos, apunta, o acusado "fixo obxecto" á vítima de "menosprecios, vexacións e agresións físicas" que "menoscabaron gravemente a harmonía da parella". A pesar diso, a moza "non quixo nunca denunciar" os feitos, dado que "temía a súa vinganza e as súas reaccións violentas".

NOITE DO CRIME

A noite do 8 ao 9 de abril de 2016, recolle o escrito, sobre as 3,40 horas, Tatiana acudiu á habitación 311 dunha pensión lucense, na que residía nese momento o acusado, co que permaneceu unha media hora.

Posteriormente, ambos abandonaron a pensión e subiron ao coche do pai de Tatiana, co que se dirixiron até a rúa Fonte da Bica, unha área "despoblada" e "afastada da presenza de calquera persona".

Sobre as 4,35 horas daquela noite, continúa o texto, "o acusado, que decidira acabar coa vida de Tatiana, aproveitando a súa superioridade física e o feito de que ninguén podía acudir na súa defensa, atacouna cando estaba dentro do coche, utilizando un coitelo ou arma branca, cunha folla de polo menos 11 centímetros. Fronte ao ataque, Tatiana "non puido realizar unha defensa eficaz", dado tanto a "superioridade física" do acusado como á zona da agresión.

A moza recibiu un total de 54 puñaladas en distintas partes do corpo, principalmente na zona abdominal esquerda, que lle causaron danos vitais pero "non a morte de forma instantánea". En concreto, o escrito de Fiscalía estima que a moza tardou preto de dúas horas en morrer, ao redor das 6.20 horas da madrugada.

27 ANOS DE CÁRCERE

Por estes feitos, a Fiscalía considera ao home autor dun delito de violencia habitual no ámbito familiar, polo que pide dous anos e seis meses de prisión. Así mesmo, polo delito de asasinato, con agravante de parentesco, pide 25 anos de prisión.

Do mesmo xeito, reclama que unha vez cumpridas as dúas terceiras partes da condena, ou ao alcanzar o terceiro grao, o home, que se atopaba en España en situación irregular, sexa expulsado do territorio español, con prohibición de entrar durante 10 anos. Finalmente, reclama para cada un dos pais de Tatiana, unha indemnización de 90.000 euros e de 35.000 euros para o seu irmán.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta