No Día Internacional da Lingua Materna, máis galego ao abeiro do Pergamiño Vindel

Xunta de Galicia e a Rede de Dinamización Lingüística celebran esta data no Museo do Mar, onde se atopa exposta temporalmente unha das grandes alfaias da lingua galega, o pergamilño coas cantigas de Martín Códax.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 21/02/2018 | Actualizada ás 13:17

Comparte esta noticia

O Día Internacional da Lingua Materna foi proclamado pola Conferencia Xeral da UNESCO en novembro de 1999 e celébrase anualmente cada 21 de febreiro, desde o ano 2000 cos obxectivos de promover o plurilingüismo e a diversidade cultural. A Xunta de Galicia e a Rede de Dinamización Lingüística veñen sumándose nos últimos anos a esta celebración, contextualizándoa e orientándoa á promoción e transmisión da lingua galega.

O Pergamiño Vindel, que contén sete cantigas de amigo de Martín Códax
O Pergamiño Vindel, que contén sete cantigas de amigo de Martín Códax | Fonte: DUVI.

Este 2018, Xunta e Rede de Dinamización Lingüística celebran esta festa no Museo do Mar de Galicia, en Vigo, onde se encontra exposta ata o vindeiro marzo unha das xoias do idioma galego, o Pergamiño Vindel, que contén as sete cantigas de amigo de Martín Códax.

A elección deste espazo feito emblemático pola presenza do pergamiño quere chamar a atención sobre a permanencia e transmisión de xeración en xeración da lingua galega a través dunha cadea que nos liga co noso pasado e co noso futuro e que as presentes xeracións deben manter.

Ao Museo do Mar de Galicia están convidados nenos e nenas do concello de Redondela, pertencente á Rede de Dinamización Lingüística, que participan nunha actividade con músicos da formación A Roda.

DIVERSIDADE E PLURILINGÜISMO

Cada ano, a UNESCO escolle un lema arredor do que xira a conmemoración do Día Internacional da Lingua Materna. En 2018 o lema é “Preservar a diversidade lingüística e promover o plurilingüismo para apoiar os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable” contidos na Axenda 2030.

Con el quérese destacar o papel das linguas locais, especialmente as minoritarias, para lograr unha educación de calidade (obxectivo 4 da Axenda) que permita que cada persoa poida chegar a ser todo o que desexa e a integrarse plenamente na sociedade.

A lingua materna é aquela en que os nenos aprenden a falar e a relacionarse coa súa contorna máis próxima. A UNESCO quere impulsar o coñecemento e a práctica das linguas maternas de menos falantes tamén na escola, nos medios de comunicación, na internet... fóra dos ámbitos en que moitas delas quedan recluídas.

O Día Internacional da Lingua Materna estableceuse para sensibilizar acerca da importancia dos idiomas e da función vital que desempeñan no desenvolvemento, ao garantir a diversidade e o diálogo intercultural, así como o fortalecemento da cooperación e a consecución da educación de calidade para todos, a construción de sociedades do coñecemento integradoras e a preservación do patrimonio cultural.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta