GC Aberto

As cruces dos Caídos de Vigo e de Callosa de Segura

Vigo e Callosa de Segura, concello de Alacante, están separadas mil quilómetros, pero son noticia porque en Vigo aínda se conserva unha cruz dos Caídos, que foi retirada esta semana en Callosa de Segura.

Por Manuel Monge | A Coruña | 19/02/2018

Comparte esta noticia

A de Callosa de Segura foi colocada en 1942 como homenaxe a “los Caídos por Dios y por España”, como aparecía no pedestal, xunto aos nomes de 64 veciños que morreron no bando franquista. A cruz de Vigo, de 12 metros de altura, levantada en 1961 no monte do Castro por acordo do pleno da corporación municipal e a iniciativa do xefe local da Falanxe, foi inaugurada solemnemente por Franco e levaba a inscrición “Caídos por Dios y por España. ¡Presentes! 1936-1939”. En aplicación da Lei de Memoria Histórica, aprobada hai dez anos, retiráronse numerosas cruces deste tipo en todo o Estado, pero o alcalde de Vigo, Abel Caballero, aínda resiste.

Cruz franquista do Castro
Cruz franquista do Castro

 

O carácter político e fascista da cruz de Vigo –aínda que se retirase a citada inscrición– quedou patente porque alí se celebraron concentracións e homenaxes a José Antonio Primo de Rivera e de exaltación do fascismo. Esta é a breve historia da resistencia do PSOE de Vigo para retirar este monumento fascista: o goberno municipal do PSOE rexeitaba o 1 de marzo de 2013 a petición da Asociación Viguesa pola Memoria do 36, que presidía Telmo Comesaña, para que se retirase a cruz. Esta mesma petición chegaba ao pleno municipal de setembro de 2013 por iniciativa do BNG, pero tamén foi rexeitada polo PSOE. A citada asociación recorreu aos tribunais e o xuíz Antonio Martínez Quintanar ordenaba o derrubamento da cruz en sentenza ditada en setembro de 2014, argumentando que no se trata dun monumento relixioso, senón construído para conmemorar “la sublevación militar de 1936, de los vencedores de la Guerra Civil y de la posterior dictadura y represión […] Es un testimonio presente del triunfo de los vencedores en la Guerra Civil y memoria de la humillación para los vencidos, sus víctimas y sus descendientes”.  

 

O PSOE recorreu esta sentenza e o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia estimaba o recurso porque consideraba que na actualidade, despois da retirada en 1981 da inscrición alusiva aos “Caídos”, o monumento perdeu o seu significado franquista, quedando como un elemento relixioso “aunque no fuera su significado originario”.

   Despois de perder o PP a maioría absoluta, a actuación do goberno municipal de Callosa de Segura (PSOE, IU, Somos Callosa) foi moi diferente. O pleno de 4 de marzo de 2016 acordaba retirar a cruz, en aplicación da Lei de Memoria Histórica e tamén instar aos organismos competentes a cambiar o nome do colexio público Primo de Rivera. En setembro de 2016 foi retirada a referencia a José Antonio Primo de Rivera e as placas da Falanxe.

 

O PP presentaba un recurso argumentando que a cruz estaba nun terreo propiedade da Igrexa Católica e que tiña un carácter relixioso, pero foi rexeitado en novembro de 2017 polo xulgado do Contencioso nº 1 de Elxe. O auto da xuíz consideraba que o monumento estaba nunha praza “debidamente inventariada como bien de uso e dominio público” e que "se ha de descartar su simbología religiosa, dado su marcado carácter político y de exaltación del ´alzamiento nacional´, como así dan fe de ello las manifestaciones que se han celebrado en el lugar por grupos de falangistas que han tenido lugar  cuando supieron del posible traslado/demolición del monumento". Por outra banda, durante moitos anos e convocados por Falanxe, celebráronse concentracións neste monumento para homenaxear a José Antonio Primo de Rivera a aos “Caídos”.

 

Despois deste auto, o concello intentou en tres ocasións a retirada da cruz sen conseguilo. Creouse unha Plataforma Ciudadana en Defensa de la Cruz, que estivo durante meses convocando concentracións, presentando recursos nos xulgados e retrasando a retirada.

 

O concello iniciaba na madrugada do 28 ao 29 de xaneiro de 2018 a retirada da cruz, situada na fachada da parroquia de San Martín, pero ese mesmo día o Tribunal Superior de Xustiza da Comunidade Valenciana ordenaba a súa paralización como medida cautelar, solicitada pola citada Plataforma. Unha semana despois, o 5 de febreiro, a Sala do Contencioso dese tribunal permitía, finalmente, a retirada da cruz, culminando os traballos o 12 de febreiro.

 

Curiosamente, esa Plataforma que defende a pervivencia da simboloxía franquista en Callosa de Segura, utiliza os mesmos argumentos que o PSOE de Vigo: a cruz dos Caídos só é un símbolo relixioso. A citada Plataforma segue alegando ante os tribunais o dereito fundamental á liberdade relixiosa.

 

Despois da digna actuación de Fran Maciá, alcalde socialista de Callosa de Segura, a actitude de Abel Caballero é unha auténtica vergoña para o PSOE de Vigo e para os socialistas galegos e de España. Non debería esquecer Gonzalo Caballero, actual secretario xeral do PSOE de Galicia, as consecuencias da actitude historicamente permisiva ou de mirar para outro lado por parte da dirección socialista cando os seus alcaldes tiñan bos resultados electorais. Na Coruña dirixida por Paco Vázquez tamén tiveron maiorías absolutas con 17 concelleiros e concelleiras e despois de aplicar durante moitos anos políticas de dereitas hoxe teñen seis. E non debería esquecer que, como moi ben dixo Julio Sacristán, ex–alcalde de Cullereo e ex–secretario provincial do PSOE, “Abel Caballero  é unha mala fotocopia de Paco Vázquez”. E hoxe Paco Vázquez, presentado sempre como gran compañeiro e socialista exemplar, participa na promoción de Ciudadanos, o partido de Rivera, que é o PP de Aznar.

 

Estamos ante un tema político, que non se vai resolver con argumentos xurídicos ou sentenzas xudiciais. O PSOE de Galicia debería invitar ao alcalde de Callosa de Segura para que explique en Vigo o que fixeron no seu concello para aplicar a Lei da Memoria Histórica e dignificar ás vítimas do franquismo. Mentres tanto, a loita continúa e hai que apoiar as iniciativas e convocatorias da Asociación Viguesa pola Memoria do 36 para mobilizar á cidadanía e acabar coa simboloxía franquista.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 Gamela

Vigo ten un novo Caudillo que conta coa maioría absoluta dos cidadáns... https://flic.kr/p/rW5UC8 Pero non deberamos esquecer que os Tres da Marea non fixeron nada por afearlle esta política caudillista a Abel Caballero (Cobran e Calan!)

2 Cinismo

Los socialistas en galucia son unos fascistas disfrazados sino vease el exalcalde de a coruña

1 Anti..

En Vigo non compren partidos franquistas ou falanxistas, chega con cain , comunista de novo e que ten unha débeda de cartos co profesor Beiras dende principios dos 70. Vaia polo.