A tractorada contra a megamina de cobre en Touro e O Pino gaña apoios

A asociación ecoloxista Verdegaia anuncia o seu apoio a esta acción, á que xa se sumaron diversos colectivos e organizacións, organizada pola Plataforma Mina Touro-O Pino Non .

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 17/02/2018 | Actualizada ás 14:40

Comparte esta noticia

A asociación ecoloxista Verdegaia reitera a súa oposición ao proxecto mineiro de Atalaya Mining para Touro-O Pino, por representar unha "grave ameaza para esa comarca". O proxecto, din, "é devastador polos seus efectos para saúde das persoas que viven na contorna, os seus modos de vida sustentables e o medio natural". É po isto que apoiará a tractorada e a manifestación a pé do vindeiro día 25, así como toda a actividade que a Plataforma Mina Touro-O Pino Non vén realizando contra o plan de reabrir a mina de cobre.

Manifestación contra a mina Touro-O Pino en Santiago
Manifestación contra a mina Touro-O Pino en Santiago

Verdegaia alerta de que este proxecto movería unha "gran cantidade de material para a extracción de material", o cal "destruirá a paisaxe, mobilizará partículas sólidas á atmosfera, e as voaduras previstas farán inhabitable a contorna para persoas e fauna".

"O maior risco desta explotación", apuntan, "serán as drenaxes ácidas de mina (AMD) que impedirán a estabilización dos residuos mineiros unha vez pechada a mina".

"As AMD afectarán os ecosistemas acuáticos, danando a fauna; impedirán o crecemento das comunidades vexetais debido á acumulación de minerais presentes nos solos que dificultan a penetración das raíces; danaran a calidade das augas superficiais e subterráneas, o que engadido ao enorme consumo hídrico da mina porá en risco ás comunidades ao limitar ou impedir o uso da auga; e producirá problemas de bioacumulación de metais pesados que poderán afectar mesmo aos peixes e cultivos mariños da ría de Arousa ao baixaren polo río Ulla", detallan desde Verdegaia, do mesmo xeito que teñen feito xa innumerables organizacións e colectivos, incluída a Sociedade Galega de Historia Natural.

Verdegaia recorda que na propia documentación sometida a exposición pública se atopa un estudo, encargado pola propia empresa, no que se conclúe que “as rochas encaixantes dos depósitos de cobre de Touro son maioritariamente materiais potencialmente xeradores de procesos acidificantes e poden ser a fonte de cantidades considerábeis de drenaxes ácidas de rocha”.

Membros da plataforma contraMINAcción, tras presentar no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia alegacións ao proxecto mineiro de cobre en Touro e O Pino.
Membros da plataforma contraMINAcción, tras presentar no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia alegacións ao proxecto mineiro de cobre en Touro e O Pino.

No estudo alértase ademais do risco de concentracións elevadísimas de metais pesados como cadmio, cobalto, cobre, molibdeno, antimonio, selenio e cinc, que poderían afectar con facilidade as augas subterráneas e superficiais.

Verdegaia denuncia, ademais, o fraccionamento do proxecto, co que "a empresa trata de minimizar a resposta social, así como de restar importancia ao seu impacto ambiental global". "Con este fraccionamento cométese unha fraude na avaliación ambiental, ao empequenecer o risco total e ocultar o risco sinérxico de tódalas fases da explotación", censuran os ecoloxistas.

A empresa tamén sinala a contradición da información prestada, pois nos documentos sometidos a exposición pública fálase dun proxecto dunhas dimensións que na propia páxina web da empresa se ve amplamente ampliado. Na documentación que se fai pública no sitio web fálase dun “Proxecto Touro” que afectaría a un conxunto de dez dereitos mineiros, nos que a concesión de explotación San Rafael sería só un primeiro paso.

"Ás malas prácticas da empresa neste aspecto, hai que sumar a opacidade da Dirección Xeral de Minas, que en vez de exercer as súas competencias en materia de inspección e seguridade mineira, parece que está a poñer trabas á participación en materia ambiental da cidadanía", denuncia Verdegaia.

Nesta liña, critican que a Dirección Xeral de Minas negou o acceso aos expedientes das concesións mineiras adxacentes ao que estivo en exposición pública, e dos que Atalaya Mining di na súa páxina web que pretende explotar. "A Administración mineira vulnerou así a lexislación estatal e europea en relación ao acceso á información", unha "opacidade que desgraciadamente vén sendo habitual neste organismo" e que "supón de feito unha actitude de complicidade coas irregularidades na exposición pública por parte da empresa", argúen os ecoloxistas.

Por todo isto, consideran "preciso que a cidadanía se mobilice para opoñerse a este proxecto" e que participe na tractorada e manifestación a pé do vindeiro día 25, así como en toda a actividade que a Plataforma Mina Touro-O Pino Non vén despregando dende hai meses, "absolutamente necesaria para poder paralizar un proxecto cuxa posta en marcha sería unha mala nova para a veciñanza desa comarca e para a cidadanía de Galicia en xeral", expoñen.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta