Por galfon (http://galdo-fonte-xm.blogspot.com.es/) | GC ABERTO | 18/02/2018
Que o emprego, a poboación e a economía están intimamente ligados é unha realidade que no concello de Fene coñecemos perfectamente desde moito tempo atrás, e iso como consecuencia dos dramáticos avatares sufridos polo municipio a principios da década dos 80 que derivaron na destrución do que foi ata entón o seu cardinal sector produtivo, e á vez arranque da súa evolución anterior.
Un referente de esplendor sen parangón, que paradoxalmente, pasado o tempo transformouse en punto de inflexión e inicio do seu decaemento, como consecuencia da imposta reconversión da súa esencial actividade produtiva, que motivou desde o primeiro instante que o concello perdese un 14% do seu censo de poboación ata situarse nos seus actuais 13.110 habitantes, unha contía en clave descendente, e de partida, sen perspectivas de recuperación.
Para maior complexidade, as previsións que barallan os máis reputados demógrafos máis que indicar un cambio de traxectoria en positivo son para botarse a tremer, tendo en conta que as mesmas veñen revelar que o peor aínda está por chegar; e a pesar de tan desalentadoras expectativas, o certo é que ante tal conxuntura ninguén fai nada por poñer remedio ao problema.
Aspectos indicativos do desinterese xeneralizado sobre o particular, e moi especialmente, da total despreocupación por establecer de forma responsable un gran pacto político e social dirixido a combater tan prexudicial fenómeno, e impedir con iso que a demora na toma de solucións converta a cuestión en irreversible.
Oferta de solo que facilita a instalación ou diversificación de novas actividades económicas, e con iso a reactivación municipal; pero se aínda así se mantén idéntica tónica, entón debe resultar obvio que non é a planificación territorial o que falla, senón que o mal do noso estancamento hai que buscalo exclusivamente na apatía institucional causada polo comportamento dunha clase política de minguada capacidade executiva e sen a mínima predisposición por reconquistar e vitalizar o tecido produtivo, a pesar dos pernicioso efectos que a súa indolencia induce no futuro do concello e das súas xentes.
Mal imos por iso, se ao xa referido engadimos a revolta desencadeada recentemente polos gregarios locais do PP e o PSOE, quen despois de ter actuado como cómplices do proceso, agora de novo en comandita, tentan o asalto á Alcaldía vía Moción de Censura, coa única finalidade de facerse co poder municipal para desde alí neutralizar toda reivindicación orientada á reactivación industrial do Concello.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.