A mina de Touro ameaza 161 granxas de vacún con máis de 5.000 reses

O Sindicato Labrego Galego advirte pide apoio á tractorada reivindicativa contra a mina convocada para o 25 de febreiro en Touro.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 16/02/2018 | Actualizada ás 12:54

Comparte esta noticia

Máis denuncias contra o proxecto de extracción de cobre que pretende levar a cabo Atalaya Mining nos concellos de Touro e O Pino. Agora son os gandeiros os que elevan a súa voz contra esta megamina a ceo aberto que se pretende reabrir e que "supón unha grave ameaza medioambiental para a zona" que terá un forte impacto contaminante nos recursos hídricos de ambos concellos" e que afectará a 161 granxas de vacún que suman unha cabana gandeira que supera as 5.000 reses.

Mina en Touro.
Mina en Touro.

O Sindicato Labrego Galego denuncua, ademais, "danos irreversibles" que a actividade mineira podería provocar na principal actividade económica da zona, a agricultura e a gandería, xa que "ambas actividades dependen completamente deses recursos hídricos ameazados, tanto para o regadío de fincas como para abeberar o gando", destacan.

A área afectada polo proxecto mineiro abrangue tres parroquias no Pino (Arca, Cebreiro e Cerceda) e oito en Touro (Bama, Enquerentes, Foxás, Fontes Rosas, Loxo, Prevediños, Touro e Vilar). Segundo os datos do Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga), as tres parroquias do Pino contan con 114 granxas, das cales 46 teñen gando bovino, con 914 reses. No caso de Touro, as súas nove parroquias afectadas polo proxecto teñen 229 granxas, 115 de bovino con 4.254. En total, unha cabana gandeira que supera as 5.000 reses.

POSTOS DE TRABALLO

En canto aos postos de traballo afectados, O Pino ten 227 traballadores e traballadoras en sectores agrarios, o que supón o 13% da súa poboación activa; mentres que en Touro hai 324 que se dedican profesionalmente a actividades agrogandeiras ou, o que é o mesmo, o 21% da súa poboación activa.

"En base a estes datos, podemos facer unha estimación dos postos de traballo afectados pola mina se os cruzamos co número de explotacións agrarias. O resultado é que no concello do Pino estarían ameazados 48 empregos directos, mentres que en Touro serían 112. É dicir, a mina de Touro e O Pino ameaza o posto de traballo dunhas 160 persoas, o cal se achega moito ás estimacións feitas por gandeiros da zona".

O Sindicato Labrego Galego destaca o caso de parroquias de Touro como Bama, con 18 granxas e 1.882 reses, ou Loxo, con 35 explotacións e 960 cabezas de gando. "Estamos a falar dunha zona de alta capacidade gandeira e moi profesionalizada na que, ademais de contaminarlles a auga, a mina ameaza con usurparlles a base territorial da que depende a súa actividade económica e profesional", alerta o sindicato.

Por todo isto, o Sindicato Labrego Galego anuncia que se manterá "firme" na súa oposición ao proxecto de extracción de cobre de Atalaya Mining en Touro e O Pino e seguirá a "esixir que os danos causados pola actividade mineira nesta contorna nas últimas décadas sexan reparados para que a gandería e a agricultura sigan a ser unha actividade profesional e económica permanente e sostible como sempre o foi".

A maiores, o sindicato fai un chamamento á sociedade civil e, en particular, aos labregos, para que apoien a tractorada reivindicativa contra a mina convocada para o 25 de febreiro en Touro pola Plataforma Mina Touro O Pino Non.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Que máis da

Propoño un reto. Nas próximas autonómicas, comprobemos a quen votan esas xentes onde se situan as granxas que perigan. 10 a 1 que gaña o PP ... con soltura.