Por Galicia Confidencial | Vigo | 12/02/2018 | Actualizada ás 14:10
O 15 de outubro de 2015, a Comisión Europea lanzou o Pacto dos Alcaldes para o Clima e a Enerxía (Covenant of Mayors for Climate & Energy). Un pacto no que fusinaba dous acordos previos; o Pacto dos Alcaldes de 2008 e a Mayors Adpat, en 2014, que implicaba que os alcaldes e concellos asumiran compromisos políticos ante o cambio climático.
O novo pacto do 2015 pretende reunir aos alcaldes das cidades europeas nunha rede permanente de intercambio de información para a aplicación de boas prácticas: mellorar a eficiencia enerxética no ámbito urbano, conseguir unha redución das emisións de CO2 no ámbito territorial local e aumentar a resiliencia fronte ao cambio climático. Para alcanzar estes obxectivos, os municipios adheridos ao acordo comprométense a redactar un Plan de Acción para a Enerxía Sostible e o Clima (PACES), nun prazo máximo de dous anos dende a data de adhesión. Isto inclúe un inventario de referencia de emisións (IRE) para facer o seguimento da súa efectividade das accións de mitigación e unha avaliación de riscos e vulnerabilidades ante o cambio climático.
E, conscientes da importancia deste acordo e da inminencia do cambio climático, a Xunta e os concellos galegos queren tamén formar parte desta nova política europea. Por iso, o Goberno galego destinará máis dun millón de euros para que un grupo de expertos e técnicos coordine e xestione a iniciativa Pacto dos Alcaldes para o Clima e a Enerxía e para a implantación da Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050 en Galicia.
Este equipo terá como obxectivo conseguir que todos os concellos de Galicia se adhiran ao Pacto dos Alcaldes polo Clima e a Enerxía de xeito que no ano 2020 haxa, cando menos, 100 concellos galegos adheridos ao Pacto, e estean todos os concellos de mais de 20.000 habitantes. Ademais, deberán informar e asesorar aos concellos sobre a iniciativa do Pacto e promover a súa adhesión e o cumprimento dos compromisos establecidos e presentar un informe de seguimento do PACES.
CAL É O COMPROMISO DOS CONCELLOS
De feito, este Pacto dos Alcaldes para o Clima e a Enerxía require o compromiso dos concellos signatarios de facer propios os obxectivos da Unión Europea para o ano 2030 e reducir as emisións de CO2 no seu territorio en, polo menos, o 40% a través de medidas de eficiencia enerxética e dun maior uso de fontes de enerxía renovable, traballando á súa vez na implantación de medidas de adaptación ao cambio climático e aumento da resiliencia fronte a este, así como un aumento da cooperación coas autoridades locais e rexionais similares na UE e fóra dela para mellorar o acceso á enerxía segura, sostible e alcanzable.
Dentro desta nova estratexia, sectores como os municipais, residenciais e terciarios e o transporte considéranse sectores chave para a mitigación. Por iso, e segundo os obxectivos europeos, as autoridades locais deberán concentrar os seus esforzos en reducir a demanda de enerxía nos seus territorios e adaptar a demanda enerxética á oferta promovendo a utilización de recursos enerxéticos locais.
Neste sentido, a Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050 terá que establecer as grandes liñas de acción na loita contra o cambio climático desde unha perspectiva rexional, centrada en Galicia e que permitirá tamén contribuír aos obxectivos establecidos a nivel global nesta materia.
"Será o instrumento planificador de Galicia nesta materia e o seu contido establecerá as grandes liñas de acción a seguir pola Xunta de Galicia na loita contra o cambio climático de cara a un horizonte temporal 2050", indican desde a Xunta.
OBXECTIVOS DESDE GALICIA
A Estratexia terá como obxectivo reducir ou mitigar as emisións de gases de efecto invernadoiro e adaptar os espazos rexionais e locais aos impactos do cambio climático, así como sensibilizar, formar e educar á poboación.
Ademais, a Xunta quere implicar aos concellos de Galicia nesta loita conxunta contra o cambio climático e quere que en dous anos haxa 100 concellos galegos adheridos ao Pacto e estean todos os concellos de mais de 20.000 habitantes.
O equipo que pretende contratar a Xuna estará formado por catro persoas. Un Director do proxecto, titulado superior con polo menos 3 anos de experiencia na dirección e xestión de proxectos relacionados co cambio climático, a enerxía e o medio ambiente, ou na xestión de fondos e proxectos europeos vinculados ao Medio Ambiente e ao Cambio Climático. Con el estarán tres persoas máis; un titulado superior en enxeñeira nas especialidades de minas, enerxía, química, mecánica,ambiental ou equivalente) que deberán contar polo menos 2 anos de experiencia na realización de traballos ou proxectos en materia de enerxía, sustentabilidade ambiental ou cambio climático e dous titulados superiores con polo menos 2 anos de experiencia na realización de traballos ou proxectos en materia de enerxía, sustentabilidade ambiental ou cambio climático.
TAREFAS
Ademais dun seguimento do Pacto, este equipo terá que coordinar e asesorar aos concellos que se adhiran a el, para que cumpran os seus compromisos, dar soporte na busca de medios financeiros para levar a cabo os compromisos adquiridos e elaborar os informes periódicos, solicitados pola Oficina do Pacto dos Alcaldes.
Ademais crearase unha web do Pacto en Galicia, facilitarán a creación de redes entre as partes interesadas, prestarán apoio na realización periódica de eventos e organizar xornadas técnicas para os concellos, ao menos unha cada catro meses e axudar aos entes locais na preparación dun inventario de emisións de referencia e na preparación dunha análise de risco e vulnerabilidade ao cambio climático.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.