Temas: TVE PRIVACIDADE

A dirección da RTVE quere controlar os correos electrónicos dos seus traballadores

O Colexio de xornalistas rexeita rotundamente a medida e di que “vulnera a privacidade dos profesionais e cercena piares básicos da profesión como a protección das fontes ou o segredo profesional”.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 08/02/2018 | Actualizada ás 20:15

Comparte esta noticia

O pasado 31 de xaneiro o Consello de Administración da Radiotelevisión Española aprobou unha "Norma sobre uso seguro dos sistemas de información", que consiste nun regulamento de nove puntos sobre o uso dos dispositivos electrónicos na corporación, presuntamente xustificada na necesidade de "protexer ao máximo os arquivos e servizos informáticos da RTVE".

Sede de RTVE
Sede de RTVE

O oitavo destes puntos provocou as queixas de numerosos profesionais e colectivos, ao estabelecer que "a dirección [...] poderá controlar se se fai un uso correcto e responsable dos devanditos medios e recursos incluíndo a supervisión do uso do correo electrónico e o acceso á internet durante a xornada de traballo".

A Xunta de Goberno do Colexio de Xornalistas xa rexeitou esta monitorización do correo electrónico e do acceso á Internet dos e das profesionais da Radiotelevisión Española e a Radiotelevisión de Galicia, e reclama a súa retirada por atentaren contra a privacidade, a pluralidade informativa, a protección das fontes e o segredo profesional.

VULNERACIÓN DA PRIVACIDADE

Asi, expresou seu rexeitamento rotundo a este tipo de medidas que “vulneran a privacidade dos profesionais e a pluralidade dos medios públicos, e que poderían provocar novas pulsións de control sobre as redaccións”. Ademais, indica que o monitorizado do correo e do acceso á internet “son contrarios á propia esencia do xornalismo e cercenan piares básicos da profesión como a protección das fontes ou o segredo profesional”.

De feito, a  a propia dirección decidira adiar a entrada en vigor do regulamento – a causa das protestas dos traballadores – e malia que este tipo de controis estean cada vez  máis cuestionados a raíz do coñecido como "caso Barbulescu".   E non é a primeira vez que isto se quere facer. A Compañía da Radiotelevisión de Galicia quixo impulsar en 2014 unha normativa semellante.

Por todo isto, o Colexio de Xornalistas reclama a retirada da proposta de monitorización dos dispositivos e os correos, tanto na Radiotelevisión Española como na Radiotelevisión de Galicia, por consideralas contrarias a dereito. “A privacidade dos xornalistas, a protección das fontes ou o segredo profesional son alicerces dunha información libre que deben estar por riba dos intereses de control das direccións, con maior razón aínda nos medios públicos”, indica nun comunicado.

Temas: TVE PRIVACIDADE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 anonimo

Pero entón, ¿a normativa non está vixente xa na Radiotelevisión de Galicia? Porque inda onte saiu unha nova no eldiario.es que afirmaba que en Galicia implantárase eestaba vixente, a pesar da campaña de oposición á norma do seu persoal