O encoro Abegondo-Cecebre, primeiro observatorio ecolóxico da Península Ibérica na rede mundial Gleon

Emalcsa e as universidades de Santiago e A Coruña colaboraron nesta iniciativa, presentada en Nova York. A presa galega convértese na máis meridional en Europa desta rede de investigación en lagos e encoros.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 19/01/2018 | Actualizada ás 12:06

Comparte esta noticia

O encoro de Cecebre vén de converterse no primeiro observatorio ecolóxico da Península Ibérica incluído na rede mundial Gleon de investigación en lagos e encoros, grazas á iniciativa impulsada pola empresa municipal de augas da Coruña Emalcsa en colaboración cos investigadores da spin-off 3edata do Campus Terra da Universidade de Santiago e a Universidade da Coruña, informa a USC.

Presentación do encoro de Cecebre como primeiro observatorio ecolóxico da Península Ibérica na rede mundial Gleon
Presentación do encoro de Cecebre como primeiro observatorio ecolóxico da Península Ibérica na rede mundial Gleon | Fonte: USC.

A responsable de I+D da spin-off da USC radicada en Lugo 3edata, a doutora enxeñeira de Montes Cristina Cillero foi a encargada de presentar o novo Gleon Site do encoro de Cecebre na última reunión deste colectivo internacional celebrada na localidade de New Paltz (Nova York), unha sesión na que tamén participou o doutor en Xeoloxía e experto en limnoloxía da UDC Jordi Delgado Martín.

Estes dous investigadores desenvolveron o seu traballo dentro dun convenio de colaboración subscrito con Emalcsa e incluído nunha das liñas estratéxicas da recentemente creada Cátedra Emalcsa. Ademais desta actuación, Cillero e Delgado tamén participan en diversos grupos de traballo dentro de Gleon, unha rede ao abeiro da que presentaron un proxecto de investigación orientado á xeración dunha ferramenta de monitorización de ecosistemas acuáticos baseada en teledetección e datos remotos. Este novo dispositivo servirá de soporte para integrar datos de alta frecuencia e imaxes multiespectrais tomadas desde satélites e UAVS.

A rede científico-técnica Gleon reúne a máis de 600 investigadores de 55 países e conta con máis de 50 observatorios ecolóxicos, repartidos en 34 países e seis continentes. Dentro destas instalacións, Cecebre convértese na primeira situada na Península Ibérica, ao tempo que constitúe a máis meridional en Europa.

Estes observatorios (Gleon sites), son sentinelas ecolóxicas clave para o estudo e preservación dos ecosistemas acuáticos na súa dimensión de provedores de usos e servizos esenciais. Dispoñen de equipos para a medida en alta frecuencia (ou seguimento en continuo), de parámetros indicadores da calidade e o estado das masas de auga.

Encoro de Abegondo - Cecebre
Encoro de Abegondo - Cecebre | Fonte: Elbujia en Wikipedia.

Os datos recollidos a través destes observatorios compártense na comunidade científica, para estudar problemáticas ou materias de interese común (secas, eclosión de cianobacterias, presenza de novas especies químicas, efectos da presión antrópica sobre o medio...), identificar procesos de interese local ou global (asociados ao cambio climático, por exemplo) e desenvolver campañas de estudo simultáneo en todo o mundo sobre problemáticas específicas de interese.

O encoro de Cecebre intégrase perfectamente nesta rede, pois conta xa cunha dotación instrumental modélica en España. Ademais dos sistemas de control comúns a calquera presa, dispón de sistemas teleoperados automáticos para controlar o caudal dos ríos Mero e Barcés (que alimentan o encoro de Cecebre), para o seguimento da calidade da auga en superficie e profundidade do encoro, para controlar a entrada nas estacións de potabilización de Cañás e A Telva (mediante sondas multiparamétricas) ou para a observación de parámetros meteorolóxicos relevantes.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta