Por Galicia Confidencial | Compostela | 19/01/2018 | Actualizada ás 10:00
A portavoz de Lingua do Grupo Socialista, Concepción Burgo, lamentou este xoves na Comisión de Cultura o veto do PP a unha proposta socialista para pedirlle á Xunta un informe sobre as denuncias ou queixas presentadas por dificultar o uso dalgunha das linguas oficiais polas administracións ou entidades públicas en Galicia.
“Non temos ningún dato oficial sobre estas queixas que a Xunta non quere dar”, lamentou a deputada socialista ao lembrar que é, precixsamente, a administración que máis queixas recibe por conculcar o dereito á libre elección da lingua. Así, apuntou aos informes da Liña do Galego da Mesa pola Normalización, os únicos datos xerais coñecidos e que apuntan a que en torno ao 52 por cento das queixas corresponden ás administracións autonómica, estatal e local.
A administración autonómica, explicou, é precisamente a que máis queixas atesora, con funcionarios que negan a comunicación oral ou escrita en galego, ou carece de formularios alternativos ao castelán, cunha actitude que “parece contraria ao uso do galego de forma continuada”. Ademais, lembrou a decisión de Feijóo de renunciar en 2009 a exercer o dereito a garantir o coñecemento do galego nas oposicións á función pública, ou da forte redución de orzamentos, especialmente para as equipas de normalización lingüística.
“NINGUÉN PREOCUPADO”
A pesares destas evidencias, dixo, o goberno galego evita explicar se hai “alguén preocupado por reunir estes datos sobre o uso do galego” e que poida elaborar un informe “absolutamente necesario se queremos resolver os problemas da nosa lingua no país e defender os dereitos lingüísticos da cidadanía”.
“Isto constituiría un instrumento fundamental para tomar medidas para evitar a conculcación dos dereitos dos galegos falantes e ampliar o uso da lingua xa que haxa leis que afirman o dereito lingüístico non quere dicir que non se conculque”, indicou. Neste momento, advertiu, resulta “imposible coñecer a intensidade e contidos das reclamacións, que serían fundamentais para coñecer a situación real de convivencia das dúas linguas e as áreas de especial conflitividade, que permitiran poñer algunha solución”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.