Vigo mantén á Xunta o pulso da súa candidatura de Cíes a Patrimonio da Humanidade

O Concello presenta na Feira Internacional de Turismo (Fitur) a súa nova campaña de promoción da candidatura das Illas Cíes á Unesco, que compite coa da Xunta, que propón a candidatura do Paque Nacional das Illas Atlánticas. Abel Caballero avisa: "Calquera que pense que isto se vai a parar, que perda a esperanza"

Por Europa Press / Redacción | MADRID | 18/01/2018 | Actualizada ás 15:09

Comparte esta noticia

O Concello de Vigo presentou na Feira Internacional de Turismo (Fitur) a súa nova campaña de promoción da candidatura das Illas Cíes como Patrimonio da Humanidade, coa que, ademais de referendar o apoio "masivo de Galicia e España" e dos líderes de opinión a esta iniciativa, ponse de manifesto o aval científico deste proxecto.

Vigo presenta campaña das Cíes en Fitur
Vigo presenta campaña das Cíes en Fitur | Fonte: Europa Press

Baixo a denominación 'Patrimonio Illas Cíes - O teu apoio vale un mundo', a campaña busca pór en valor o apoio científico a esta candidatura a partir dun grupo de investigadores que, liderados polo director do Campus do Mar, Emilio Fernández, trazaron "as bondades" das Cíes e "o que significa no ámbito científico" que sexa recoñecido como Patrimonio Mundial da Unesco.

Na presentación mostrouse un vídeo no que explican como se formaron as Cíes e a súa paisaxe, e reparan na súa produtividade, a súa riqueza e diversidade de especies de flora e fauna, e a súa relación de simbiose cos pescadores da zona. Un marco no que o recoñecemento como Patrimonio Mundial servirá para "protexer e demostrar ás xeracións futuras que se pode convivir e coidar a natureza".

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, que lembrou que esta é a cuarta vez que se presenta en Fitur a candidatura de Cíes a Patrimonio da Humanidade, remarcou que faltaba lanzar "o soporte científico", polo que para esta edición contaron cun grupo de investigadores que "avalan ás Cíes e este proxecto", para que as illas "dentro de 2.000 anos sigan como están".

Caballero fixo un repaso pola candidatura e lembrou que en 2013 se lanzou o proxecto, e desde entón creáronse a marca, dominios web, 'merchandising', vídeos promocionais; e promocionouse en avións, concertos, festivais e cunha volta ao mundo en barco, a Lotaría Nacional de 2015, campañas de sensibilización entre a infancia, revistas e concursos.

Acto seguido, proxectouse un vídeo polo que "os verdadeiros líderes de opinión" mostraron o seu apoio á candidatura desta "paraxe extraordinaria", entre eles a Coral Casablanca, Gisela, La Oreja de Van Gogh, Crystal Fighters, The Pretenders, Morat e Carlos Vives; ademais da xornalista e presentadora deste evento, Carlota Corredera.

"NON HAI QUEN O PARE"

"O noso é a fidelidade coas Cíes", sostivo Caballero, que chamou a unirse a el no escenario aos científicos, á presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; a concelleiros e deputados; hostaleiros; axencias de viaxes; e líderes de opinión presentes que avalaron a candidatura, porque "este é un movemento colectivo de apoio á natureza".

"Somos os que queremos ser, Patrimonio da Humanidade, Non hai quen o pare", asegurou o rexedor olívico, que se mostrou convencido de que "Cíes vai ser Patrimonio da Humanidade". "Cíes está a protexer esta cidade e agora tócanos a nós protexelas a elas, porque corren perigo", apuntou.

Neste marco, aseverou que "calquera que pense que isto se vai parar que perda a esperanza", en mención velada á Xunta, que este xoves presentou en Fitur unha candidatura alternativa, para promover as Illas Cíes-Parque Nacional Illas Atlánticas a Patrimonio Mundial.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta