Temas: ROMA BNG

O BNG denuncia pasividade da Xunta co túnel romano de Montefurado

A parlamentaria Olalla Rodil presentará unha serie de cuestións na cámara galega para pedir explicacións á Xunta por non adoptar ningunha medida para evitar o progresivo deterioro do Túnel de Montefurado.

Por X.M. Fernández | Santiago de Compostela | 18/01/2018 | Actualizada ás 12:25

Comparte esta noticia

As sucesivas peticións por parte do Concello de Quiroga e colectivos sociais para intentar protexer este ben patrimonial están caendo en saco roto polo de agora. A vice-voceira nacionalista Olalla Rodil pedirá as correspondentes explicacións e preguntará polas razóns de que non se iniciara, dende a Dirección Xeral de Patrimonio, o expediente para a catalogación como BIC despois da solicitude do Concello de Quiroga no ano 2013.

Derrube parcial do 2007. Fonte: Asoc. Boca do Monte
Derrube parcial do 2007. Fonte: Asoc. Boca do Monte

Rodil sinalou que “non é de recibo a situación na que se atopa o Túnel de Montefurado cando se trata dun ben que aspira, como outros da contorna e a Ribeira Sacra no seu conxunto, a ser declarado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO”. Deste xeito pídese dende o partido da oposición un pronunciamento da Xunta para saber que medidas e en que prazo de tempo prevé adoptar de cara a paliar e reverter o preocupante e progresivo deterioro deste enclave patrimonial.

No ano 2013, a través dunha moción impulsada polo grupo municipal do BNG en Quiroga, o Pleno do Concello de Quiroga demandou á Xunta de Galiza iniciar o proceso para declaralo Ben de Interese Cultural (BIC) e mesmo estudar a posibilidade de que se incluíse na listaxe de bens Patrimonio da Humanidade da UNESCO. Dende aquel momento non se soubo nada ao respecto, nin se avanzou na tramitación do expediente  nin se deron pasos para consolidar este elemento que nos últimos anos empeorou como consecuencia do paso do tempo, dos efectos da erosión causada polo río Sil e a falta de actuacións da administración.

A finais do 2017 a Xunta iniciou o procedemento para declarar a Ribeira Sacra como BIC coa categoría de paisaxe natural e anunciaba que a previsión era ter concluído o trámite en decembro deste ano. Pois ben, entre os coñecidos como exoámbitos, categoría de protección fóra dos límites principais, figura Montefurado, co cal poderíase pensar que de forma colateral podería chegar a protección patrimonial solicitada anos atrás.

Tamén no 2017, o grupo de Goberno do Concello de Quiroga, en mans do Partido Popular, volveu dirixirse ao Goberno galego para reclamar a adopción de medidas urxentes para paliar o grave deterioro do túnel.  Segundo o propio alcalde, Julio Álvarez, reclamóuselle axuda á Dirección Xeral de Patrimonio o 20 de marzo e o 16 de maio de 2017 sen ter obtido resposta algunha por parte da Xunta.  Montefurado ou Boca do Monte, topónimo como popularmente se coñece na zona, constitúe o maior resto monumental da minaría romana no noroeste da Península Ibérica, xunto coas Médulas. Foi construído no século II coa finalidade de desviar a auga do Sil e poder así extraer ouro da cunca. A súa estrutura orixinal era de 120 metros de longo. En 1934 tivo lugar o maior derrubamento até o de agora rexistrado na estrutura ficando reducida aos 52 metros actuais.

Delimitación do derrube parcial do 2007. Fonte: Asoc. Boca do Monte
Delimitación do derrube parcial do 2007. Fonte: Asoc. Boca do Monte

Falando do tema co presidente da Asociación Sociocultural Boca do Monte, moi pendente deste tema, comentou que sen argumentos científicos pode resultar pouco rigoroso pronunciarse sobre o deterioro pero confesa que el mesmo foi testemuña dun pequeno derrubamento no 2007 mentres ensinaba a uns amigos o túnel romano. Nas fotos que nos facilita pódese comprobar o pequeno pero perceptible esborrallamento.

Montefurado. Foto: Xosé Manuel
Montefurado. Foto: Xosé Manuel
Temas: ROMA BNG
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta