A produción ecolóxica galega, un sector en auxe con máis de 50 millóns de facturación en 2017

O número de operadores inscritos incrementouse nun 12,9% pasando de 945 en 2016 a 1.067 o ano pasado

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/01/2018 | Actualizada ás 10:51

Comparte esta noticia

A produción ecolóxica mantense en Galicia como un sector "en auxe" ao superar o ano pasado os 50 millóns de euros de facturación e rexistrando o pasado exercicio un incremento de operadores inscritos no Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), segundo datos facilitados polo órgano encargado do control e certificación dos produtos que chegan ao mercado.

Gandeiría inscrita no Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA)
Gandeiría inscrita no Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA)

En concreto, do total de operadores -empresas e productores- inscritos en 2016, un total de 945, pasouse en 2017 a 1.067, o que supuxo un crecemento do 12,9%, de acordo tamén cos datos dos que dispón Craega.

E é que os productores inscritos neste órgano cuadriplicaron a facturación durante o período 2008-2017, non só mantendo, senón tamén incrementando o número de operadores. Por provincias, este número é na actualidade de 218 na da Coruña; 431 na de Lugo; 159 na de Ourense e 259 na de Pontevedra.

A produción animal e vexetal, con 369 e 422 operadores, así como industrias vinculadas a este sector (195), concentran a principal actividade dun sector con presenza tamén da acuicultura (36 operadores) ou a recollida de algas, sete operadores. A eles, súmanse os 26 comercializadores e os 12 operadores inscritos como exportadores e importadores.

SUPERFICIE EXISTENTE

Nun sistema de produción que, segundo o Craega, busca "conseguir alimentos de máxima calidade, respectando o medio ambiente e conservando a fertilidade do chan sen o uso de produtos químicos", os datos consolídano, ano a ano, en Galicia como un sector en crecemento.

Así, a superficie total inscrita situábase, a outubro do ano pasado, en 32.204 hectáreas fronte ás 27.716 do ano anterior. En concreto, a superficie inscrita en Galicia creceu nun 16,22% nos primeiros dez meses de 2017, un aumento que experimentaron todas as provincias, excepto a de Ourense.

Nesta última, "decreceu un 17,92%". No caso de Pontevedra, triplicouse a superficie ata siutarse en 5.769 hectáreas, fronte ás 1.423 do ano anterior.

"MÁIS DEMANDA"

O presidente de (Craega), Francisco López Valladares, afirma que se trata dun sector "en auxe", en gran medida por existir entre os consumidores "unha maior concienciación sobre os produtos ecolóxicos".

Tamén destaca que a súa demanda é o que está facendo que "as grandes cadeas" de distribución alimentaria incorporen estes produtos. Sobre esta demanda, recorda que, das distintas producións, o lácteo segue sendo en Galicia o de maior aumento.

Con todo, admite que, para lograr que a produción ecolóxica manteña o seu crecemento, "fai falla máis demanda". En particular, apunta ás dificultades dos pequenos productores fronte a aquelas cun tamaño superior e que, a través das exportacións, están obtendo bos resultados.

No caso dos pequenos productores, o presidente de Craega asegura que se está tratando de impulsar a súa actividade a través da participación en distintas feiras, pero reclama, para consolidar a súa actividade, "máis apoio" da Administración; campañas publicitarias a nivel local ou a inclusión nos colexios de "menús ecolóxicos".

"Aí hai unha oportunidade para os pequenos productores", engade. Por outra banda, aboga por que este sector "se agrupe" e asegura que un modelo podería ser o das cooperativas para, polo menos, a comercialización dos seus produtos dunha forma conxunta. "Houbo iniciativas pequenas, pero non foron capaces de crecer", engadiu sobre algunhas propostas levadas a cabo.

FEIRA 'BIOCULTURA' NA CORUÑA

Para 2018, destaca iniciativas como a celebración na Coruña da feira 'Biocultura' ou a elaboración dun plan estratéxico de agricultura ecolóxica en Galicia. "A Xunta terá que dotalo económicamente para darlle un empuxe ao sector", que nestes momentos e, a través das exportacións, logrou captar mercados como Alemaña, China ou Xapón.

Respecto da feira 'Biocultura', será a primeira vez que a Asociación Vida Sa celebra en Galicia unha edición deste evento. Será na cidade herculina, do 2 ao 4 de marzo, no recinto ferial ExpoCoruña tras estar 33 anos en Madrid e outros 24 en Barcelona, ademais de estar presente en cidades como Valencia, Bilbao e Sevilla.

Os seus impulsores vinculan a decisión cos resultados que está tendo este sector en Galicia, Respecto diso, e citando datos de Craega, subliñan que o sector ecolóxico en Galicia "crece a un ritmo do 30% anual".

Do contido de 'Biocultura', avanzan que se exhibirán máis de 15.000 referencias de produtos de alimentación ecolóxica, ademais de dar a coñecer outros sectores como o textil orgánico.

O lema para esta campaña 2018 resaltará, segundo os organizadores, "o momento histórico do sector" xa que España é o primeiro productor en Europa e o quinto do mundo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta