Créase a primeira gran colección dos dominios .gal

A Biblioteca de Galicia, coa colaboración da Biblioteca Nacional de España, recolleu todos os sitios web con dominio .gal, aínda que só arquivou enteiramente o 26% deles.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 12/01/2018 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

A Biblioteca Nacional de España completou, por encargo da Biblioteca de Galicia, a primeira recolleita do dominio .gal, que pasa a formar parte da colección web de Galicia e do seu depósito legal electrónico, cuxa xestión é responsabilidade da Consellería de Cultura.

Imaxe promocional da galega Dinahosting sobre o puntoGAL
Imaxe promocional da galega Dinahosting sobre o puntoGAL | Fonte: ortegalingua.blogspot.com

O proceso de recolleita consistiu na captura dos sitios web rexistrados baixo o dominio .gal a partir do emprego de programas informáticos, coa finalidade de arquivar e preservar a maior cantidade posible dos contidos que conforman os recursos web deste dominio, que lle permite á cultura e á lingua galegas dispoñer dun identificador de primeiro nivel para visibilizalas e para incrementar o tráfico na Rede cara aos portais galegos.

O rastrexo do dominio .gal, que se desenvolveu o pasado mes de decembro, deu como resultado a descarga de máis de 140 GB de información.  A operación realizouse sobre unha listaxe de 4.261 dominios fornecidos pola Asociación PuntoGal, entidade responsable da xestión do dominio galego. Aproximadamente a metade deles non ten contido, a maioría por ser só dominios reservados. Da outra metade, un 26% recolectouse na súa totalidade, mentres que o resto alcanzou o límite de tamaño de 150 MB por dominio, o mesmo que se estableceu para a última recolección masiva do dominio .es.

A preservación dos contidos dos sitios web que alcanzaron o límite de 150 MB complementarase con recoleccións selectivas xestionadas pola Biblioteca de Galicia, tamén en colaboración coa BNE. “A inmensidade da información existente en internet fai que a exhaustividade na súa conservación sexa unha tarefa practicamente inviable, de aí a importancia dunha selección de calidade por parte dos centros responsables da preservación das publicacións en liña”, apuntan desde Cultura.

ANIVERSARIO .GAL

O dominio galego en internet celebrou o pasado 2 de decembro de 2017 o seu terceiro aniversario. Entre os dominios rexistrados nestes tres anos figuran institucións públicas e privadas de todo tipo, entidades sen ánimo de lucro, empresas e particulares.  Segundo suliñan os impulsores, os máis de 4.200 usuarios decantáronse polo .gal para promover a súa marca, destacando o valor engadido de ser galego e de facer comunidade da lingua e a cultura galegas na rede.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta