"Medio Rural substitúe a política leiteira por propaganda para agachar que Galicia ten os peores prezos"

O Sindicato Labrego Galego súmase ás críticas á Consellería de Medio Rural, á que responde con datos: "As granxas galegas perderon de ingresar 9 millóns de euros en novembro de 2017 por non ter uns prezos acordes á media europea".

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 08/01/2018 | Actualizada ás 18:31

Comparte esta noticia

Á Consellería de Medio Rural chóvenlle as críticas logo de presumir de que Galicia foi a autonomía na que máis creceu o prezo do leite. Ao igual que a Federación Rural Galega (Fruga), o Sindicato Labrego Galego (SLG) tamén o considera mera propaganda, xa que durante 2017 o prezo do leite galego se mantivo, unha vez máis, como o máis baixo de todo o Estado español.

Manifestación dos gandeiros do leite polas rúas de Santiago
Manifestación dos gandeiros do leite polas rúas de Santiago | Fonte: campogalego.com

Para o SLG, "Medio Rural e o Ministerio de Agricultura substitúen a política leiteira por propaganda para agachar que Galiza e España teñen os peores prezos da UE". De feito, cuantifica en máis de 9 millóns de euros a cantidade que deixaron de ingresar en novembro pasado por non percibir uns valores acordes á media europea.

O sindicato acusa o Goberno galego de "carecer de políticas para o sector lácteo" e denuncia que os datos publicados polo Fondo Español de Garantía Agraria (Fega) correspondentes a novembro de 2017 -e nos que basea Medio Rural- contradín os publicados pola Comisión Europea a través do Observatorio do Mercado do Leite (Milk Market Observatory-MMO): mentres que o Fega establece o prezo medio do leite en España en 33,4 céntimos, o dato do MMO, tamén para novembro de 2017, é de 31,93 céntimos.

"Máis alá da veracidade ou falsidade dos datos do Fega, dende o Sindicato Labrego Galego só podemos lamentar que a Consellería de Medio Rural teña a pouca vergonza de fachendear dos prezos que cobran as nosas granxas cando no ano que vén de rematar pecharon 400 explotacións na Galiza e, durante o período analizado (2015-2017), a nosa terra ocupou o primeiro lugar no podio do prezo máis baixo do Estado e un dos peores de Europa, aparte de sufrir unha das crises de prezos máis agudas da súa historia", censura o SLG.

Para o sindicato de nada vale ser a autonomía na que máis sobe en porcentaxe o prezo do leite se as granxas seguen cobrando por baixo dos custes de produción. Con todo, si recoñece que o prezo do leite medrou máis poncertualmente no noso país que en Asturias e Cantabria, pero matiza que "mentres as nosas granxas cobraron en novembro unha media de 32 céntimos, segundo os datos dubidosos do Fega, as asturianas ingresaron 35,2 céntimos por litro, e as cántabras 33,2".

A comparación, din, é aínda máis "deprimente" cos prezos medios que superan os 36 céntimos en Francia e Bélxica, ou superiores aos 40 céntimos en Holanda, Alemaña ou Austria. É dicir, "Galicia segue a ter o prezo máis baixo do Estado, xunto con Baleares; ao tempo que España ten o prezo máis baixo da Unión Europea xunto a Portugal", clarifica o SLG.

En novembro pasado Galicia produciu 165.303 toneladas de leite, polo que se as granxas galegas tivesen cobrado o prezo medio das asturianas terían ingresado máis de 5 millóns de euros adicionais do que cobraron por ese mes, e se tivesen percibido o prezo medio da Unión Europea, 37,5 céntimos por litro, o incremento sería de 9 millóns de euros, calcula o SLG.

"Polo tanto, podemos dicir que as granxas galegas perderon de ingresar 9 millóns de euros en novembro de 2017 por non ter uns prezos acordes á media europea", conclúe o sindicato, que tamén recorda que "varias multinacionais leiteiras que operan en Galicia, aparte de non ter subido o prezo nos últimos meses, xa están anunciando novas baixadas para primavera".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta