GC Aberto

Carta aberta a Oriol Junqueras

Carta aberta remitida por Cerna a Oriol Junqueras, preso político do Estado Español no cárcere de Estremera dende o 2 de novembro do pasado ano.

Por Cerna (http://www.cerna.gal/) | GC ABERTO | 17/01/2018

Comparte esta noticia

Comparecencia do vicepresidente catalán Oriol Junqueras, o portavoz Jordi Turull e o conselleiro de Asuntos Exteriores, Relacións Institucionais e Transparencia Raül Romeva, na xornada do referendo de independencia de Cataluña o 1 de outubro de 2017
Comparecencia do vicepresidente catalán Oriol Junqueras, o portavoz Jordi Turull e o conselleiro de Asuntos Exteriores, Relacións Institucionais e Transparencia Raül Romeva, na xornada do referendo de independencia de Cataluña o 1 de outubro de 2017 | Fonte: Miguel

Estimado Oriol:

Escribímosche dende Galiza, de parte de Cerna, organización soberanista galega que pula pola liberación nacional e social da nosa nación, coa que ERC mantén relacións políticas, polas que vos reiteramos o agradecemento. Estivemos brevemente contigo na Diada de 2017, compartindo a ilusión que nos transmitías por unha mobilización tan masiva, alegre e pacífica.

É imposible non empatizar no persoal coa situación inxusta de mantérente na cadea inda recoñecendo os tribunais españois a túa actitude pacífica e a imposibilidade de enfiar os delitos polos que te encausan. As instancias internacionais e a Historia democrática que construiremos, xulgaranos.

É imposible non sentir dor e rabia por ver como manteñen en prisión, lonxe do fogar, a persoas pacíficas das que en absoluto poden dicir que hai risco de fuxida.

É doloroso pensar na situación persoal túa, tantos días sen poder convivir coa túa familia, sendo un home de paz.

Dende Galiza, facemos votos porque sexamos quen de construír frontes democráticas nas nacións do Estado que esixan a liberdade dos presos políticos e a apertura de procesos constituíntes – a semellanza do iniciado en Catalunya – que rachen de vez co Réxime do 78.

Porque o voso encarceramento, Jordis, Joaquim, Oriol, é símbolo da prisión que representa o Estado español para os pobos e para quen defendemos os seus dereitos cívicos e políticos; prisión que tamén é para as xentes do común que padecen os efectos da corrupción institucionalizada herdada do Franquismo, en forma de deterioro das condicións materiais de vida e na cada vez maior centralización e recorte de liberdades cívicas para tratar de manter vixente unha oligarquía corrupta e o seu sistema de poder.

Por vós, polo pobo catalán, pero tamén por todos os pobos e clases populares encarceradas no Estado español: seguide contando coa nosa humilde contribución á vosa loita democrática.

De parte de Cerna, a súa Portavocía Nacional:

Luis Eyré Diéguez e Paula Vázquez Verao

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta