Concentración para apoiar a unha xornalista da CRTVG que denunciou manipulación informativa

Alfonso Sánchez Izquierdo, director xeral da compañía, comparece este martes no xulgado trala demanda dunha traballadora da Radio Galega por “grave vulneración de dereitos” durante a comisión de control da CRTVG no Parlamento.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 08/01/2018 | Actualizada ás 16:22

Comparte esta noticia

A Central Unitaria de Traballadores (CUT) convocou unha concentración este martes ás dez da mañá nos xulgados do social de Fontiñas en Compostela en solidariedade coa xornalista Ana B. Costoia Viqueira. A traballadora da Radio Galega, que denunciou prácticas de manipulación informativa, foi supostamente desacreditada por Alfonso Sánchez Izquierdo, director xeral da CRTVG, nunha comisión de control no Parlamento.

O director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, no Parlamento.
O director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, no Parlamento. | Fonte: EP

O pasado 6 de setembro, a xornalista elaborou unha nova sobre a desarticulación dunha célula terrorista en Marrocos e Sevilla, pero no momento de locutar a noticia en directo dentro do estudo, unha responsable do programa ordenoulle omitir a información sobre a anterior afiliación ao PP de Melilla do presunto líder da célula xihadista.

Trala denuncia de manipulación informativa que a traballadora fixo ante o comité de empresa da CRTVG, o director xeral do medio público, Alfonso Sánchez Izquierdo, tería tentado, segundo a CUT, "desacreditar profesional e persoalmente" á traballadora en resposta ás preguntas de distintos grupos parlamentarios durante a Comisión de Control da CRTVG, “nun acto de represalia que vulnera dereitos fundamentais da xornalista, que se ve obrigada a acudir agora aos xulgados na procura do restablecemento da súa honra”.

A CUT convoca esta concentración en apoio á traballadora o día da  celebración do xuízo -no que está citado para comparecer o director xeral da CRTVG- e para esixir novamente a creación do Consello de Informativos e a posta en marcha do Estatuto Profesional, ferramentas contra a manipulación informativa que obriga a crear desde o ano 2011 a Lei reguladora dos medios públicos pero que, segundo o sindicato, o Goberno galego e a dirección da CRTVG non teñen interese algún por habilitar.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Lalo

Por qué non se aplica a lei aprobada polo Parlamento galego no 2011 e se nombra ao directr xeral democráticamente? Qué fai a oposición que non esixe a entrada en vigor da lei aprobada hai 7 anos?