Decidirá o Camp Nou

O Celta empata 1-1 co Barça en Balaídos e xogarase o pase a cuartos de final da Copa o vindeiro xoves en campo rival. Arnáiz adiantou os cataláns e Pione Sisto empatou para os celestes. O domingo, o Real Madrid visita Balaídos na Liga.

Por gcdeportes | Vigo | 04/01/2018 | Actualizada ás 21:58

Comparte esta noticia

Ficha técnica
RC Celta 1:
Sergio Álvarez; Hugo Mallo, Sergi Gómez, Fontás, Jonny (Roncaglia, 81’); Lobotka, Daniel Wass (Brais Mendez, 67’), Jozabed; Pione Sisto (Emre Mor, 67’), Iago Aspas e Maxi Gómez.
FC Barcelona 1: Cillessen; Semedo, Gerar Piqué, Vermaelen, Digne; Sergio Busquets; André Gomes, Paulinho (Rakitic, 71’); Aleix Vidal (Sergi Roberto, 75’), Denis Suárez e José Arnáiz (Dembéle, 71’).
Goles: 0-1: José Arnáiz (min. 15); 1-1: Pione Sisto (min.31).
Árbitro: Martínez Munuera (valenciano). Amarelas a Fontás no Celta e a André Gomes no Barcelona.
Incidencias: partido de ida dos oitavos de final da Copa do Rei, disputado no estadio municipal de Balaídos ante 21.338 espectadores.

Os xogadores celestes celebran o gol do empate de Pione Sisto.
Os xogadores celestes celebran o gol do empate de Pione Sisto. | Fonte: lfp.es

Celta e Barça xogaranse o pase a cuartos de final da Copa no Camp Nou a vindeira semana. No primeiro asalto en Balaídos, empate 1-1, con case todos os titulares no equipo galego e con máis trocos nos cataláns, sen Messi, Luis Suárez e Iniesta. Adiantou José Arnaiz o Barça no minuto 15 e empatou Pione Sisto á media hora de xogo. No segundo acto, malia as ocasións nos dous bandos, o marcador non se moveu.

O Celta saiu sen complexos e decidido a levar o control do partido. Aspas tivo a primeira ocasión pero Semedo andivo máis rápido, e foi o Barça quen marcou primeiro, tras un contragolpe de área a área que pillou ao Celta descolocado e permitiu a José Arnáiz marcar o 0-1 no minuto 15.

O gol golpeu ao Celta, que perdeu o control da pelota, pero axiña se recompuxo. E chegou o 1-1 tras unha boa xogada colectiva entre Sisto, Aspas, Jozabed e Maxi Gómez: Aspas rematou ao traveseiro e Pione Sisto acadou o gol do empate. Ata o descanso, un disparo lonxano de Wass e outro máis perigoso de Paulinho para o Barça.

Tras un primeiro tempo con máis control celeste, o segundo foi máis do Barça, que lle meteu ao partido unha marcha máis. E tivo tres boas ocasións en apenas cinco minutos: un remate coa testa de Arnáiz, un erro claro de Denis Suárez só ante Sergio Álvarez e un tiro lonxano de Busquets que petou no traveseiro.

O Celta acusaba o cansazo, viase superado polo Barça e Juan Carlos Unzué refrescou o equipo coa entrada de Brais Méndez e Emre Mor no minuto 67, con apupos para a saída de Daniel Wass. Reviviu un chisco o equipo galego. Despois de 25 minutos sen achegarse á área rival, Emre Mor fíxoo dúas veces con perigo: na primeira dubidou cando ía disparar e na segunda rozou o gol tras combinar con Iago Aspas.

No tramo final do choque, disparos de Dembéle e Rakitic para os de Valverde e tiros con perigo para Maxi Gómez e Iago Aspas. A última foi para Sergi Roberto, pero o marcador non se moveu no segundo acto e o 1-1 foi definitivo. O Camp Nou dictará sentenza o vindeiro xoves. Antes, na Liga, o Celta recibirá o Real Madrid en Balaídos (domingo ás 20.45 horas).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 FRODSNA

No tramo final do choque, disparos de Dembéle e Rakitic para os de Valverde e tiros con perigo para Maxi Gómez e Iago Aspas LA LIGA. A última foi para Sergi Roberto, pero o marcador non se moveu no segundo acto e o 1-1 foi definitivo. O Camp Nou dictará sentenza o vindeiro xoves. Antes, na Liga, o Celta recibirá o Real Madrid en Balaídos (domingo ás 20.45 horas).