O Colexio de Xornalistas pide tratar o caso de Diana Quer como violencia machista

A Xunta de Goberno do CPXG reclama ademais respecto á intimidade das menores neste caso.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 03/01/2018 | Actualizada ás 11:19

Comparte esta noticia

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia pide tratar o caso de Diana Quer —a moza desaparecida na Pobra do Caramiñal e achada morta nun pozo en Rianxo ano e medio despois— como un caso de violencia de xénero. Ademais, solicita aos medios de información que respecten a intimidade das menores.

Diana López-Pinel, nai de Diana Quer
Diana López-Pinel, nai de Diana Quer

O CPXG lembra que a violencia de xénero, como recolle a Declaración de Compostela, non só se manifesta nos malos tratos dentro do ámbito doméstico, senón en todos os tipos de violencia dirixidos cara ás mulleres polo simple feito de seren mulleres. Por isto, e "sen prexuízo do que puideren estabelecer noutro sentido as investigacións policiais e xudiciais sobre os motivos e circunstancias do presunto homicidio", o Colexio considera necesario que os medios traten o caso como un "novo episodio de violencia machista".

"Cómpre abordalo como unha violación dos dereitos humanos e un atentado contra a liberdade e a dignidade das persoas, encadrandoo no seu contexto ideolóxico e social e combatendo a ideoloxía que o provocou: o supremacismo patriarcal polo que o rol feminino estivo e está supeditado ao masculino", argúe o CPXG..

Así, o Colexio de Xornalistas quere facer un chamamento a que se sigan en todas as informacións, ademais dos mandatos do Código Deontolóxico Galego, as recomendacións específicas para as informacións sobre violencia de xénero.

Ademais da Declaración de Compostela, considera de especial interese a Guía práctica para o tratamento informativo da violencia contra a muller, as recomendacións extraídas do foro sobre comunicación e xénero e as conclusións extraídas da xornada "O papel dos medios na información de xénero".

Alén do tratamento no corpo das informacións, o CPXG fai mención tamén aos comentarios presentes en numerosos medios dixitais. Aínda que considera que estes "non son da responsabilidade directa dos medios ou xornalistas", si cre que "cómpre introducir mecanismos de filtración e control que impidan a publicación de opinións que perpetúen a ideoloxía patriarcal, xustifiquen a violencia de xénero ou transmitan calquera outro contido vexatorio". Para o Colexio, "unha información non pode tratar dunha maneira ética e responsábel esta lacra social se comparte espazo con comentarios dese tipo".

MENORES

Por último, o Colexio de Xornalistas quere mostrar a súa preocupación por informacións nas que se ten compartido material das redes sociais ou fornecido datos que poden levar á identificación de dúas menores, unha delas familiar da vítima e outra do presunto homicida.

"A privacidade e a propia imaxe deben ser respectadas en todos os casos, pero aínda máis cando se trata de menores, que precisan de especial protección pola súa situación de vulnerabilidade", avisa o CPXG.

Neste caso, e por tratarse de persoas non implicadas directamente nos feitos noticiosos, considera que "é preferíbel non informar en absoluto delas, mais, no caso de ser necesario facelo, chamamos a seguir consellos como os da Guía práctica para o tratamento informativo sobre menores ou as Recomendacións sobre o tratamento nos medios dos casos de violencia que afecten a menores".

Ante un acontecemento como este, o Colexio de Xornalistas envía as súas condolencias á familia e persoas achegadas de Diana Quer, así como a todas as demais persoas que están a sufrir por estes acontecementos. Ao mesmo tempo, apela á ética e á responsabilidade do conxunto da profesión xornalística galega para que non se sume máis dor á dor e para que se poida "loitar desde os medios de comunicación contra a lacra social da violencia de xénero, combatendo as súas causas e incentivando a toma de conciencia social".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 Yate

O qué toman qué pedir e qué os periodistas informen e non manipulen

1 panfletario-fascimil

xustamente... e menos carroñada por parte de eels e menos explicacions da investigacion por parte dos outros..