GC Aberto

De 6 días a 6 horas de prazo para xustificar a axuda de prevención de danos do lobo

En Beealia traballamos para que os gandeiros non perdan oportunidades, pero a realidade supera calquera ficción.

Por BFS (http://www.facebook.com/BurelaFS) | Lugo | 27/12/2017

Comparte esta noticia

Onte, 26 de decembro, ás 10:10 da mañá chámanos unha gandeira que decidiu tramitar as axudas para a prevención de ataques de lobo a través Beealia. Ás 10:00 pasou o carteiro para entregarlle unha carta certificada. Nesa carta aprobábaselle unha axuda por 1.400 euros para mercar dous pastores con placa solar e 8 mallas electrificadas para protexer o seu gando. Ata aquí todo ben, pero o prazo para xustificar dita axuda (tal como se ve na imaxe) remataba o mesmo día 26 de decembro. Tendo en conta que vive no rural, onde os únicos rexistros públicos aos que pode acceder son o da Oficina Comarcal Agraria e o do Concello, ámbolos dous rematan o seu horario ás 14:00, so lle quedaron 6 horas para xustificar o investimento.

Lobo adulto comendo carroña en Asturies, foto publicada en 2010
Lobo adulto comendo carroña en Asturies, foto publicada en 2010 | Fonte: Xarde Gayol naturalezacantabrica.es

En resumo, a gandeira tivo 6 horas para xustificar unha axuda que como mínimo debera dispoñer de 10 días hábiles (de luns a venres descontando os festivos).

Desta volta esperamos que non se produzan declaracións dende a Consellería de Medio Ambiente dicindo que non se esgotou o orzamento porque os/as gandeiros/as non quixeron.

Dende Beealia, asesoría en materia de métodos de prevención, estamos a traballar para que non se perdan estas axudas, aínda así atopámonos con casos ben complicados. Ademais contamos coa colaboración da ferretería Casa Quiroga que dispón de stock de pastores eléctricos fabricados en Galicia e mallas electrificadas, o que axudou na rápida resposta que lle puidemos dar á gandeira.

Por ese motivo dende Beealia, como membros de O-Xan, seguiremos a traballar na comunicación con Consellería de Medio Ambiente para tratar de transmitir a realidade do rural ás oficinas de Santiago.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta