Por Galicia Confidencial | | 27/12/2017 | Actualizada ás 11:46
Afouteza é a palabra deste 2017. Un digno posto que conseguiu cun 48 por cento dos votos; 3.004 persoas das 6.228 que participaron na elección promovida polo Portal das Palabras, o proxecto web para a modernización e divulgación do léxico galego da Real Academia Galega e a Fundación Barrié. O termo gañador impúxose aos outros sete finalistas. Independencia foi a seguinte palabra en número de votos, con 939, e sapoconcho, a terceira, con 830. Eucaliptización, teimudo, vaga de lumes, violencia de xénero e velutina completan, por esta orde, a táboa de posicións finais.
Nas tres edicións anteriores, as gañadoras foron irmandade (2016), refuxiados/as (2015) e corrupción (2014). A esta listaxe súmase agora afouteza, cuxo éxito foi cociñándose ao longo de todo 2017, xa que durante varios meses liderou a listaxe de palabras máis buscadas no Dicionario da RAG. Os medios de comunicación recolleron este dato, dando conta de que o interese por unha voz non moi frecuente na fala coloquial era debido á campaña do Celta de Vigo, que ten por lema: “Ensinémoslle ao mundo o significado da afouteza”, baseado nun verso do propio himno do club.
“En definitiva, afouteza conquistou neste ano que remata unha vida nova nun partido en que gaña a lingua: saltou do campo de fútbol á rúa, da rúa aos medios e tamén se introduciu en textos de diferente tipo, espertando a curiosidade de quen non a coñecía e pasou a incorporala ao seu tesouro léxico persoal”, apuntou a RAG nun comunicado. De feito, a palabra, cun sólido fundamento histórico, foi nestes últimos meses gañando posicións no espazo da fala e o léxico vivo.
A ORIXE
Afouteza vén definida no Dicionario en dúas acepcións: pode referirse á disposición de quen actúa sen temor ás dificultades ou perigos ou á seguridade que unha persoa demostra en si mesma. A orixe de afouteza atópase nun verbo latino, favere, que tiña por significado “favorecer ou “protexer”, e que os romanos usaban en principio no ámbito relixioso para se referiren aos favores e á benevolencia dos deuses cos mortais.
De favere e do seu supino fautum chegouse en romance a fouto e fouta, as formas primitivas do adxectivo. Logo na fala engadiuse unha vogal inicial de reforzo, e de aí afouto e afouta, é dicir, a persoa que “ten ou amosa afouteza”. Completan a familia léxica o adverbio afoutamente e mais o verbo afoutar (que pode ser tamén pronominal, afoutarse), cando lle damos ánimos ou valor a alguén para realizar algo ou encetar unha empresa.
Afouteza está na lingua practicamente desde os inicios, como indica a súa presenza en documentos do século XIV. Tamén aparece en textos literarios e particularmente nos medios de comunicación, desde O Tío Marcos da Portela, pasando por A Monteira, a revista Nós e A Nosa Terra do comezo do XX, entre outras. Neste espazo comunicativo, volve brillar na segunda decena do século XXI.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.