Por Galicia Confidencial | A Coruña | 03/01/2018 | Actualizada ás 09:00
A gran maioría dos adolescentes galegos usan diariamente as redes sociais en liña. E algúns deles recoñecen establecer contactos con descoñecidos. Así o conclúe un estudo feito por investigadoras da Universidade de Vigo no que subliñan que nalgúns casos os adolescentes afirman que de non poder conectarse durante un día ás redes sociais sentirían ansiedade.
Maiormente, o uso de redes sociais entre adolescentes galegos ten un perfil urbano e feminizado, é dicir, son as rapazas das cidades as que máis participan nestes espazos da Rede.
Da análise dos discursos de 222 estudantes de institutos de Educación Secundaria, as investigadoras observaron que as redes sociais máis populares entre os adolescentes son Instagram e Facebook. Contrariamente son Ask, Scracth ou Tuenti as menos nomeadas.
Ademais, detectaron que entre as mozas de contexto urbano —as usuarias máis frecuentes das redes sociais— as máis nomeadas son Twitter e Instagram; mentres que no ámbito rural e semi-rural son Facebook, Instagram e Twitter.
Pola súa banda, os mozos de localización urbana afirman utilizar máis Facebook e Instagram; e os de zona rural e semi-rural, WhatsApp e Facebook.
Paralelamente, moitos adolescentes afirman ter perfís en dous ou máis redes sociais, e afirman que estas supoñen un medio importante e naturalizado nas súas vidas para estar en contacto con outras persoas, socializarse e comunicarse.
En xeral, os adolescentes acceden ás redes a calquera hora do día, pero especialmente durante a tarde-noite, E, aínda que non foi a tendencia máis frecuente no discurso dos adolescentes, as investigadoras atoparon que nalgunhas situacións expresan que se non puidesen conectarse durante un día sentirían ansiedade, illamento e mesmo afirman que "morrerían".
Para as autoras do estudo "é necesario ter en conta estas afirmacións" porque "a relevancia destas redes provocou que, en ocasións, pertencer ou non pertencer a unha rede social deixe de ser unha opción para converterse nunha obriga, unha necesidade para poder estar en contacto cos coñecidos e estar ao día do que sucede no contexto virtual".
A mocidade, subliñan as autoras, considera que nas redes sociais se dan espazos “seguros” para intercambiar experiencias, coñecer a xente e especialmente, para expresar os seus sentimentos ou desexos sexuais, sendo as mozas as que afirman sentirse máis cómodas para falar dos seus sentimentos e frustracións a través das redes sociais, polo que se expoñen dunha maneira máis íntima na rede. Un argumento que "pode dar resposta ao perfil feminizado das redes sociais", sinalan.
Conxuntamente, nalgúns casos din estar en contacto a través destes espazos virtuais con persoas descoñecidas, o cal ben constatar os resultados doutros estudos que alertan da perigosa conduta dos adolescentes que usan as plataformas virtuais para interactuar con persoas coñecidas e descoñecidas por igual, xa que, salientan as investigadoras, "se cren capacitados para detectar e evitar as situacións de risco" ou mesmo "consideran que un maior número de seguidores faraos máis populares".
Os argumentos dos participantes neste estudo permiten recoñecer as redes sociais como un dos principais escenarios de lecer e comunicación para os adolescentes, que atoparon nestes medios lugares nos que informarse e relacionarse, destácase na investigación, asinada por Yolanda Rodríguez Castro e Patricia Alonso Ruido, e publicada na Revista de Estudios e Investigación en Psicología y Educación.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.