Galicia, unha das zonas con maior risco de contraer a enfermidade de Lyme, causada por carrachos

Un estudo científico confirma que as prevalencias significativas das xenoespecies patóxenas de Borrelia Burgdorferi detectadas nos carrachos de Galicia son máis altas que as atopadas previamente en España. Lugo é a provincia máis afectada.

Por Alberto Quian | Santiago de Compostela | 14/01/2018 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Ixodes ricinus é a especie de carracho predominante en Europa. Pode transmitir os axentes causantes de enfermidades en humanos como a borreliose de Lyme, producida pola bacteria Borrelia Burgdorferi que transmiten os carrachos comúns. No norte de España, a enfermidade de Lyme considérase endémica. E recentemente informouse dun aumento significativo da súa incidencia anual no noroeste. Agora, un equipo de científicos vén de constatar que Galicia é unha das rexións con máis risco para os humanos de contraer a enfermidade de Lyme.

Enfermidade de Lyme causada por carrachos.
Enfermidade de Lyme causada por carrachos.

A investigación foi realizada por científicos do Departamento de Patoloxía Animal (Grupo INVESAGA) da Facultade de Veterinaria da Universidade de Santiago de Compostela, da empresa biotecnolóxica Exopol (Zaragoza), do Laboratorio de Vectores e enfermidades transmitidas da Facultade de Veterinaria da Universidad de la República de Uruguai, e do Servizo de Pediatría do Hospital Universitario Lucus Augusti de Lugo.

Tras as análises moleculares aplicadas, os científicos comprobaron que as prevalencias significativas das xenoespecies patóxenas de Borrelia Burgdorferi detectadas nos carrachos de Galicia son similares ás detectadas nos países do norte e centro de Europa e máis altas que as atopadas previamente en España.

Estes resultados, xunto coa alta incidencia da enfermidade de Lyme en humanos e a alta seroprevalencia de Borrelia Burgdorferi atopada en corzos noutros estudos, revelan que Galicia é unha das rexións con máis risco de adquirir a borreliose de Lyme, conclúen no seu estudo, publicado agora na revista científica Parasites & Vectors, co título 'Molecular identification of Borrelia spirochetes in questing Ixodes ricinus from northwestern Spain'.

AUMENTO DE CASOS

Nos últimos anos detectouse un aumento da incidencia desta enfermidade en Galicia, sendo Lugo a provincia na que se detectaron máis casos, principalmente por ter unha maior poboación gandeira, gran cantidade de aroborado e arbustos, e unha humidade ambiental alta.

Segundo un estudo do Sergas con datos recollidos entre os anos 2000 e 2013, foi necesario hospitalizar nese tempo a 132 persoas afectadas pola enfermidade de Lyme, o 57% homes e cunha media de 56 anos.

Os últimos datos expostos pola comunidade científica cifran nuns 70.000 novos casos en Europa cada ano. En España estímase que podería haber uns dous casos por cada 100.000 habitantes.

CARACTERÍSTICAS CLÍNICAS

A enfermidade de Lyme pode causar inmobilidade dalgúns membros, irritación da pel, bruscas subidas de tensión e fortes dores de cabeza ou de músculos, entre outros síntomas.

Un informe do Servizo Galego de Saúde (Sergas) describe que a infección por Borrelia Burgdorferi se caracteríza polo amplo espectro de manifestacións clínicas que presenta, con afectación de múltiples órganos e sistemas, téndose descrito manifestacións clínicas cutáneas cun exantema típico, o eritema migratorio que aparece no 70-80% das infeccións, e considérase característico da enfermidade.

Tamén se poden presentar manifestacións articulares, neurolóxicas e cardíacas. Outras manifestacións menos frecuentes son paniculite, miosite e hepatite. Como noutras espiroquetoses, a enfermidade pode sufrir exacerbacións e remisións, chegando en ocasións a ter un curso crónico e con recorrencia.

Por áreas, as taxas máis elevadas rexístranse en Lugo e, en concreto, nas comarcas de Terra Cha, Meira, A Fonsagrada e a Ulloa. No caso dos homes os valores máis altos son detectados nos grupos de 65 a 74 anos e de 75 e máis, mentres que entre as mulleres se rexistrou unha maior incidencia no intervalo de 65 a 74 anos e de 5 a 9. É máis frecuente o seu diagnóstico durante os meses de verán.

Algúns especialistas aseguran que os casos de Lyme están infraestimados e poderían ser dous ou tres veces máis dos que se rexistran oficialmente.

Un caso singular, reportado por La Voz de Galicia, foi o dun vilalbés de 42 anos enfermo de Lyme que tivo que ir o pasado ano a Múnich, Alemaña, a filtrarse o sangue por esta enfermidade. "O especialista explicoulle que tiña o corazón como o dun home de 80 anos", explicábase no xornal coruñés.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Carmen

Un carracho es una garrapata?

1 Natasha Rostova delasRestrevas

Así é. Deberíase informar máis á poboación dos riscos. Que costaría introducir pequenos espazos de divulgación médica sobre este tema ou outros de saúde nos telexornais ou incluso noutros espazos máis vistos? Sería un paso importante na medicina preventiva.