"A telematización dos procedementos administrativos discrimina a cidadanía do rural"

O Sindicato Labrego Galego alerta de que a telematización dos procedementos administrativos "converte as persoas que viven no rural en cidadanía de segunda" pola "deficiente cobertura telefónica e de Internet e a avanzada idade das persoas" que viven no campo.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 20/12/2017 | Actualizada ás 12:26

Comparte esta noticia

A deficiente cobertura telefónica e de Internet e a avanzada idade das persoas do rural dificulta o acceso a axudas e servizos que están sendo telematizados polas administración públicas. Así o denuncia o Sindicato Labrego Galego (SLG), que critica que en Galicia "a telematización dos procedementos administrativos discrimina a cidadanía do rural".

Curso de formación sobre a Historia Social Única Electrónica (HSUE)
Curso de formación sobre a Historia Social Única Electrónica (HSUE) | Fonte: Xunta.

Isto, advirte o SLG, "está a crear un serio problema que converte as persoas que viven no rural en cidadanía de segunda en comparación coa xente que vive nos grandes núcleos urbanos, xa que a posibilidade de relacionarse telematicamente coa Administración é moi desigual dependendo de onde residas".

O SLG lembra que a cobertura de Internet e telefonía "deixa moito que desexar nas zonas rurais", onde ademais a poboación "está moi envellecida e moita non sabe usar nin posúe teléfonos móbiles ou ordenadores —realidade extensible aos labregos e ás labregas—".

O sindicato considera que a telematización dos procedementos administrativos "condena a unha parte moi importante da poboación a renunciar a relacionarse coa Xunta ou coa Seguridade Social", por exemplo, e a "ter que contratar os servizos dunha xestoría privada para poder facelo".

A isto, engaden, súmase o feito de que "as plataformas tecnolóxicas das que dispón a Xunta de Galicia, por exemplo, son obsoletas e deficientes" e "fallan decotío e provocan atrancos e demoras constantes só atribuíbles ao mal funcionamento dos programas informáticos", aseguran dende o SLG, que bota en falla a presenza de "funcionarios formados para solucionar este tipo de problemas".

Dende o Sindicato Labrego Galego consideran que todo isto é parte do "claro avance no proceso de desmantelamento xeneralizado de servizos públicos que estamos a sufrir", xa que "miles de cidadáns poden e están a perder servizos e dereitos por non poder acceder a eles por vía telemática".

Ante esta situación, o SLG esixe á Xunta que "comece a traballar seriamente na modernización e simplificación das ferramentas informáticas" que pon a disposición dos cidadáns para realizar xestións administrativas.

Tamén solicitar que "forme persoal funcionario para capacitalo na resolución dos problemas que xorden diariamente" nestes procesos, e que "invista realmente no rural", pero "non a través de campañas publicitarias", senón "en aspectos como a universalización das telecomunicacións en todo o territorio".

A maiores destas melloras, o SLG recorda que a Xunta está "obrigada a garantir os dereitos daquelas persoas que, por idade, formación, lugar de residencia ou calquera outra causa, non pode realizar xestións administrativas por vía telemática", polo que debería facilitar a estas persoas facer calquera trámite directamente con persoal funcionario.

No eido agrario propoñen dotar de recursos materiais e humanos suficientes as oficinas agrarias comarcais para que os labregos que o precisen, especialmente os de idade máis avanzada, "poidan realizar alí calquera xestión ou trámite directamente sen ter que recorrer a unha xestoría privada, tal e como acontece de maneira xeneralizada hoxe en día".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta