Temas: OURENSE XUNTA

Unha obra promovida pola Xunta nun BIC fai unha desfeita diante dunha vivenda histórica

Substitúe un banco tradicional por un enorme cadro eléctrico que rompe completamente a harmonía dunha praza que forma parte do Monumento Histórico-Artístico da Colexiata de Xunqueira de Ambía, en Ourense.

Por Xurxo Salgado | Ourense | 18/12/2017 | Actualizada ás 08:35

Comparte esta noticia

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio é a responsable dun importante impacto ambiental nunha praza histórica que forma parte da Colexiata de Xunqueira de Ambía, un edificio declarado BIC e Monumento Histórico-Artístico. E que este departamento autorizou a realización dunhas obras nunha vivenda histórica que substituíron un tradicional escano de pedra que había diante da casa por un enorme cadro eléctrico de tres por dous metros. 

Enorme cadro eléctrico situado diante dunha vivenda na Praza Bispo Carrascosa, en Xunqueira de Ambía, no espazo BIC da colexiata
Enorme cadro eléctrico situado diante dunha vivenda na Praza Bispo Carrascosa, en Xunqueira de Ambía, no espazo BIC da colexiata

Segundo informou a GC Luís Rodríguez, dono do inmoble afectado, as obras que se están realizando non se corresponden coas que figuran no proxecto  orixinal, xa que se cambiou a actuación número 17 pola instalación deste enorme cadro eléctrico pegado á fachada da casa onde antes había un banco. “Isto non é unha obra de restauración, esa barbaridade de cadro afecta tanto á casa como ao resto da praza para restaurar”, apunta.

Curiosamente, esta intervención financiada pola Xunta ten o obxectivo contrario, xa que se trata de “poñer en valor e conservar” o entorno da colexiata. Segundo o prego técnico do concurso, o obxectivo é restaurar a praza Bispo Carrascosa, na contorna da Colexiata de Xunqueira de Ambía. Unhas actuacións que abarcan os espazos da praza Bispo Carrascosa, o adro da colexiata e o extremo nordeste da praza San rosendo, integrados todos eles no conxunto da colexiata, declarado Monumento Histórico-Artístico e BIC. 

“As intervencións a levar a cabo teñen a finalidade de manter e conservar o entorno da colexiata”, apuntan estes pregos. Deste xeito, o que se persegue é, con pequenas intervencińs, “dar unha mellor imaxe do conxunto do espazo público, mellorar as súas condicións de uso e executar as canalizacións precisas para no futuro poder completar as instalacións, sen que sexa necesario intervir de novo no subsolo da praza”. Preténdese, así mesmo, evitar a presenza de vehículos aparcados nestas áreas que serán destinadas tan só ao uso dos veciños e os visitantes.  As obras están orzamentadas en 216.000 euros.

“ATROPELO URBANÍSTICO”

Tal é situación de desorde administrativa que o propietario acaba de abrir unha páxina no FB no que denuncia este “atropelo urbanístico” que comete a propia Xunta. Así, lémbrase que na fachada da casa (protexida por Patrimonio) había un banco de pedra, o cal, segundo a actuación nº 17 do proxecto (páxina 153) debería procederse a unha “recolocación e consolidación de bancos existentes”.

Como era a casa afectada por unhas obras de Medio Ambiente no BIC Colexiata de Xunqueira de Ambía
Como era a casa afectada por unhas obras de Medio Ambiente no BIC Colexiata de Xunqueira de Ambía

Os afectados presentaron xa varios escritos na Xunta solicitando aclaración do que pasa, quen é o responsable desa actuación e solicitando que se paren as obras. “Por un lado non tivemos resposta alguna e en vez de aportar aclaración do que ocorre o que sucedeu e que o pasado venres aparecen os obreiros dunha empresa eléctrica para poñer os armarios do cadro eléctrico”, denuncian.

Como estaba antes e como está despois a casa afectada por unha obras impulsadas pola propia Xunta no BIC Colexiata de Xunqueira de Ambía
Como estaba antes e como está despois a casa afectada por unha obras impulsadas pola propia Xunta no BIC Colexiata de Xunqueira de Ambía
Temas: OURENSE XUNTA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta