Alerta nas confrarías ante a chegada de cinzas aos bancos marisqueiros

Persoal da Consellería do Mar estuda posibles afeccións na costa após os corrementos de terra producidos polo temporal e trala vaga de incendios de outubro. O Servizo de Gardacostas xa detectou "auga turbia e restos de ramas" en zonas de Baiona.

Por E.P. | VIGO | 11/12/2017 | Actualizada ás 15:31

Comparte esta noticia

Técnicos da Consellería do Mar iniciaron os labores para avaliar posibles afeccións nos bancos marisqueiros como consecuencia do temporal de choiva e vento das últimas horas, que produciu corrementos de terra e o arrastre das cinzas xeradas nos incendios de mediados de outubro. Así, persoal da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro e das confrarías acudiron a Baiona e A Guarda para avaliar a situación; o Servizo de Gardacostas revisa as zonas de Arcade e Baiona, onde xa se detectou "auga turbia e restos de ramas"; e técnicos están a inspeccionar as desembocaduras dos ríos Miñor e Verdugo.

Monte con cinza na nacente do río Barbaña, entre Paderne de Allariz e Baños de Molgas.
Monte con cinza na nacente do río Barbaña, entre Paderne de Allariz e Baños de Molgas. | Fonte: @arboresdalimia

En relación con iso, a Xunta incidiu en que o persoal está alerta e manterase o seguimento nas zonas susceptibles de afectación dos bancos marisqueiros próximos aos montes queimados para "evitar desprendementos, corrementos de terra ou alteración dos cursos fluviais".

No caso de que se rexistren danos nos bancos marisqueiros vinculados ao arrastre de materiais procedentes de montes queimados, a Administración autonómica lembrou que, dentro das axudas postas en marcha após a vaga de incendios, hai un millón de euros dispostos para facerlle fronte á situación e subvencionar os traballos para recuperar os devanditos bancos marisqueiros.

TEMOR NAS CONFRARÍAS

Pola súa banda, as confrarías temen que o arrastre de cinzas e terra aos ríos acabe notándose nas desembocaduras e nas propias rías, polos prexuízos que isto tería en bancos marisqueiros e para a pesca.

O patrón maior do depósito San Juan de Redondela, Clemente Bastos, explicou que, de notarse, o impacto non chegará até este martes ou mércores, pola experiencia que teñen nesta localidade os profesionais. "Verémolo durante a semana, por agora aínda non se nota nada porque non é instantáneo", expuxo, antes de subliñar o medo por que se produzan danos "en plena campaña" marisqueira.

Fontes da confraría de Vigo e da de Baiona coinciden en que de momento non se puido comprobar a chegada de cinzas e terra, xa que os mariscadores non traballan nunha xornada con moi mal tempo. "A cinza pode chegar, pero dependerá do volume que chegue se ten efecto ou non sobre o marisqueo", apuntan as fontes consultadas do depósito vigués.

ATENTOS OS MUNICIPIOS

Tamén os gobernos municipais das localidades afectadas polos incendios, como Ponte Caldelas, Nigrán e Gondomar, atópanse atentos a calquera posible contaminación dos ríos polas cinzas, aínda que se atopan á espera de que baixe o caudal para poder comprobar se houbo tal afectación.

Un marco no que o alcalde das Neves, Xosé Manuel Rodríguez, xa confirmou que as escorrentías fixeron que "gran parte" da terra arrastrada acabase nas canles do río Miño, "e algunha seguramente está xa no Atlántico". Así, ratificou que as cinzas chegaron á auga, aínda que aclarou que a de consumo humano non está afectada.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta