Temas: CHUVIA

A choiva erosiona amplas zonas de terreo que ardeu no Xurés, Ancares e interior de Pontevedra

As fortes precipitacións provocan arrastre de cinzas, terra, pedras e até palla cara as estradas e ríos.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/12/2017 | Actualizada ás 15:14

Comparte esta noticia

O temporal de choiva e vento provocou unha erosión "importante" do chan en zonas que arderon o pasado mes de outubro no parque do Xurés (Ourense), nos Ancares (Lugo) e na provincia de Pontevedra, sobre todo naquelas ladeiras con maior pendente, segundo informaron alcaldes destes lugares consultados por Europa Press.

Temporal en Santiago de Compostela
Temporal en Santiago de Compostela

Unha vez pasado o día de onte e a madrugada deste luns, aínda con intensas precipitacións, agora nos puntos máis altos do Xurés e Os Ancares a neve está axudando a mitigar o arrastre de cinzas, terra, pedras e até a palla que fora colocada sobre superficies calcinadas para favorecer a súa fixación.

A alcaldesa de Lobios, María del Carmen Yáñez, destaca que, "coa cantidade de choiva" que caeu de maneira "continua", a técnica do 'mulching' --que consiste en colocar palla sobre áreas arrasadas polas chamas-- "non forneceu o efecto desexado".

"Toda a zona que ardeu sufriu arrastre de cinzas e de todo o que a auga se atopou ao seu paso", explicou a rexedora, quen tamén lamenta caída de árbores e "algún dano" en chemineas de vivendas.

Entre Lobios e o municipio de Muiños arderon unhas 5.000 hectáreas na pasada vaga de incendios de outubro. En cambio, neste último municipio, o seu primeiro edil, Plácido Álvarez, minimiza os efectos do arrastre de cinzas, ao velo "mínimo para o que se supuña", grazas aos traballos efectuados polas empresas Tragsa e Seaga por encargo das consellerías de Medio Ambiente e Medio Rural.

Con todo, Álvarez admite que houbo afección, debido a unhas choivas "especialmente fortes" e ventos que até arrincaron parte do tellado do pavillón. "Pillounos o touro, neste caso a choiva", recoñece.

No Parque Natural do Xurés xa traballan técnicos de Medio Ambiente para comprobar as consecuencias do temporal, que desde este luns deixou neve nas cotas máis altas, segundo apuntou o alcalde.

OS ANCARES

Nos Ancares, os operarios levan traballando todo o luns, segundo indica Benigno Gómez, o alcalde de Cervantes, municipio onde arderon unhas 2.800 hectáreas.

Na súa opinión, con todo, a neve caída desde onte á noite en zonas de máis altura "pode facer que se asente mellor a palla" que se distribuíu en días pasados, coa intención de evitar que o arrastre cara aos ríos.

INTERIOR DE PONTEVEDRA

Tamén en Ponte Caldelas detectaron erosión no monte, a pesar de que após os lumes se esparexeron 90 toneladas de palla en zonas próximas ás traídas veciñais onde prevían que podía haber afectación; e no relativo ao río Verdugo, o alcalde, Andrés Díaz, indicou que están atentos porque de momento, aínda que "baixa turbio, con tanto caudal non se ve se houbo afectación".

Nas Neves, a erosión é "importantísima", segundo o alcalde, Xosé Manuel Rodríguez, que incidiu en que "o grao de devastación en puntos concretos fixo moito dano", especialmente nas partes altas do monte, con gran pendente e máis desprovistas de arboredo. "Hai determinados puntos que a súa recuperación ambiental é practicamente imposible", asegurou.

Despois de apuntar que se confirmaron as predicións após os incendios de outubro, o rexedor comunicou que entre os problemas producidos polas choivas das últimas horas inclúese o corte de dúas vías que durará "un par de semanas porque non hai forma de transitar por elas" como consecuencia do arrastre de pedras e terra "en cantidades impresionantes".

Ademais, indicou que as escorrentías fixeron que "gran parte" da terra arrastrada acabase nas canles do río Miño, "e algunha seguramente está xa no Atlántico". Así, ratificou que as cinzas chegaron á auga, aínda que aclarou que a de consumo humano non está afectada e "está garantida" a súa potabilidade porque se tomou "a precaución de non fornecer do río Termes".

En todo caso, aludiu de novo ás conversas mantidas coa Xunta desde os incendios e reclamou que a Administración galega "non se demore máis e ofreza a axuda prometida" para pór en marcha as medidas incluídas nun documento "ambicioso e tecnicamente concreto" que se elaborou naquel momento fronte ás consecuencias dos lumes.

COMARCA DE VIGO

O alcalde de Salceda de Caselas, Marcos Besada, trasladou a Europa Press que na localidade varias regueiras están atrancadas debido ao arrastre de terra e cinzas desde o monte queimado e ermo de vexetación; e actualmente estanse analizando os danos nas sendas fluviais nas que se desbordou o río e onde foi necesario acordoar para "evitar danos maiores".

Neste contexto, manifestou o seu agradecemento aos funcionarios, concelleiros, empresas, colectivos e particulares que colaboraron para "minimizar" os efectos negativos, e censurou a "total pasividade" e falta de "responsabilidade" da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e o Goberno estatal pese ao dano sufrido nunha zona protexida dentro da Rede Natura 2000.

No relativo a Nigrán, outro concello moi castigado polos lumes de mediados de outubro, o seu alcalde, Juan González, comentou que nos montes sen vexetación polos incendios "caeu moita auga e con moita virulencia" porque non había posibilidade de retención en puntos moi concretos, e houbo "inundacións" porque "non deron abasto as cunetas".

A pesar de todo, mantivo que se trata de "problemas pequenos" e están "encantados de que chova". "Se pomos nunha balanza os danos e beneficios, gañan os beneficios; a auga é moi necesaria", remarcou, antes de agregar que de momento non hai unha contaminación por cinzas "evidente" no río Muíños, aínda que seguirán atentos a posibles cambios.

Finalmente, o rexedor de Gondomar, Francisco Ferreira, sinalou que no monte "baixou a cinza, pero en pequenas cantidades", e subliñou que se freou " a erosión" porque había follas e pico no monte e choveu en días previos.

No relativo ao río, comentou que "baixa con lodo, terra...", pero "haberá que esperar a que baixe o caudal para ver se hai cinzas"; en todo caso, mostrouse convencido de que "non vai haber ningún problema". Así as cousas, manifestou que a maior incidencia do temporal foi a caída dunha cornixa dun edificio, que obrigou a pechar o tráfico nunha estrada.

Temas: CHUVIA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta