Os "parches" da Xunta contra a velutina

Afectados pola avespa asiática reclaman a Medio Rural un "trampeo masivo" na vindeira primavera que a Xunta rexeita. A plataforma Stop Vespa Velutina denuncia que o Goberno galego "aínda non é consciente da gravidade". Este ano retiráronse xa 21.130 niños, fronte aos 11.000 en todo o 2016.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/12/2017 | Actualizada ás 13:04

Comparte esta noticia

A Plataforma Stop Vespa velutina tacha de "parches" as medidas adoptadas até a data para afrontar o problema da avespa asiática e reclama un trampeo "masivo" na primavera, unha posibilidade que a Consellería de Medio Rural descarta por non estar recollida na Estratexia Nacional do Ministerio de Medio Ambiente. Mentres, os investigadores estudan o posible uso de "parásitos autóctonos" para frear o seu avance.

Avispa asasina
Avispa asasina | Fonte: Europa Press

En 2012, detectouse o primeiro caso de velutina no porto de Burela e dous anos despois, en febreiro de 2014, a Xunta puxo en funcionamento un Plan de vixilancia e control coa participación de distintos departamentos autonómicos. Un ano despois, creouse unha comisión de seguimento á que se incorporou a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

A iso, sumouse a firma dun convenio, en xuño deste ano, coas universidades galegas. Antes, a Deputación da Coruña asinou outro convenio coa Universidade de Santiago (USC) para apoiar a investigación ante "un fenómeno imparable", recoñece, en declaracións a Europa Press, o xefe do Servizo de Sanidade Animal da Consellería de Medio Rural, Jesús Orellas.

E é que nestes momentos os esforzos céntranse "na vía de control" e non na erradicación. "Cos coñecementos actuais, non é posible", recoñecen tanto este profesional como investigadores consultados por Europa Press.

A 4 de decembro deste ano, segundo datos do departamento autonómico, retiráronse ou neutralizaronse en Galicia 21.130 niños fronte aos 11.000 de 2016, cifra á que habería que sumar os que se retiran de forma particular.

Desde a Administración insisten, con todo, en que deben ser profesionais quen acometan este labor ante unha especie detectada xa en 236 concellos galegos, segundo datos achegados polo xefe do Servizo de Sanidade Animal de Medio Rural.

RESPOSTA "LIMITADA"

Tanto administración como afectados e investigadores coinciden en que a erradicación "a día de hoxe" non é posible, aínda que discrepan sobre as medidas. "Non se está facendo todo o que se debería e a Administración aínda non é consciente da gravidade", sostén Laura García, portavoz da Plataforma 'Stop Velutina', que reclama unha comisión de seguimento "operativa" e financiamento para a investigación.

"A resposta da Administración foi moi limitada, investindo en estratexias que non está demostrado que sexan efectivas", engade o biólogo e profesor da Facultade de Medicina da USC, Xulio Maside, portavoz dun equipo multidisciplinar que elaborou o estudo para a Deputación da Coruña.

Desde a Consellería de Medio Rural, sublíñase, con todo, o traballo realizado, aínda que admiten que erradicar esta avespa é actualmente "unha utopía" pola súa expansión e pola ausencia de "métodos selectivos e eficientes". Así o recoñece tamén o xefe do Servizo de Sanidade Animal, quen avoga por centrarse nestes momentos "no control" co trampeo cando a raíña é "susceptible de ser capturada".

A RETIRADA DE NIÑOS

Fronte ás dúbidas sobre a eficacia de retirar os niños, defende que si o é. "Canto máis precoz sexa, significa eliminar a colonia e que poidan seguir reproducíndose". "O problema é que non é suficiente para erradicala porque a súa capacidade de expansión é desorbitada", insiste.

No entanto, sobre o trampeo masivo, remítese á Estratexia Nacional do Ministerio de Medio Ambiente, da que lembra que non expón que se "trampee fóra dos colmenares". Na mesma liña, argumenta que "a selectividade das trampas é moi baixa".

Para iso, remítese a un estudo do sector apícola, "que asegura que só entre un 1% e un 3% das capturas son avispa velutina". "O resto son moscas, orugas...", engade. Sobre a posibilidade de aplicar outros métodos, explica que se fala de usar detectores térmicos ou drones. "Pero son aínda temas teóricos", recoñece.

IMPACTO ECONÓMICO SEN CUANTIFICAR

Pola súa banda, o profesor da USC Xulio Maside, admite que o principal problema está "en que se descoñecen aspectos fundamentais da bioloxía desta especie" e, por iso, demanda, como os afectados, o apoio necesario á investigación.

Para cuantificar o impacto económico nos sectores prexudicados, o apícola e o fruticola, indica que faría falta "un período de análise máis longo" para poder determinar canta incidencia ten a avispa velutina e canta factores como a seca. Con todo, desde o sector aseguran que en función das zonas as perdas poden oscilar "entre un 20 e un 50%".

En canto á forma de abordar o problema, Maside explica que unha opción sería buscar "unha sustancia ecoloxicamente máis segura" fronte ao uso de "velenos insecticidas", pero recoñece que iso esixe "determinar o método de subministración aos niños e en que dose". Con todo, móstrase máis partidario de buscar "parásitos autóctonos" que poden facer á avispa velutina "vulnerable".

"Non podemos correr, correr é cometer erros e ser pouco efectivos", admite este profesor, que cuestiona que se centrasen os esforzos na retirada de niños. Desta actuación, recoñece que "soluciona o caso puntual" do afectado pero lembra que "non hai ningún dato que confirme que ten efecto" na poboación desta avispa.

MÁIS DE 15.000 AVISOS

Desde a Plataforma Stop Velutina, o seu portavoz apela a estudos "que din que retirar os niños non ten moita incidencia" e subliña que a velutina é "un problema de todos" polo que pide unha coordinación baixo un "organismo único". "Nestes anos non houbo un plan ordenado", sinalan desde unha entidade que lembra que de 900 avisos en 2014 pasouse a 15.000 no que vai de ano.

Malia estas demandas, o control está a centrarse nun trampeo de raíñas fundadoras na primavera, coa colocación de trampas no período no que están activas fóra do niño, e a eliminación destes durante todo o ano. Así, entre os anos 2015 e 2016 Medio Rural distribuíu 5.100 trampas aos apicultores. Durante este ano, facilitou outras 5.700.

Respecto as medidas de prevención, desde Medio Rural insisten en que non se trata dun insecto "máis perigoso" que a avispa autóctona ou que as abellas do mel. Con todo, recomenda non achegarse a menos de cinco metros de calquera niño e avisar ao 112 ou o 012 en caso de detectar un.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta