En Marea, Anova e EU desvincúlanse da iniciativa da eurodeputada que cuestionou a seguridade das vacinas

Lídia Senra, electa pola candidatura de AGEe, recibe as críticas de Esquerda Unida, que a tacha de "tránsfuga"

| 09/12/2017 | Actualizada ás 14:39 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

En Marea, Anova e Esquerda Unida expresaron publicamente que non comparten a iniciativa presentada pola eurodeputada Lídia Senra --electa como candidata da coalición AGEe--, quen, nunha pregunta remitida ao Parlamento europeo no mes de agosto, cuestiona a seguridade e efectividade das vacinas.

[Ndp101017]: Lídia Senra Impulsa A Visibilización Dás Mulleres Labregas Nos Estu
[Ndp101017]: Lídia Senra Impulsa A Visibilización Dás Mulleres Labregas Nos Estu | Fonte: Europa Press

A través dun comunicado, Anova --formación que propuxo a Senra para encabezar a candidatura de AGEe nas eleccións europeas de 2014-- desvinculouse da iniciativa presentada pola parlamentaria ante a Comisión de Sanidade, xa que "a posición expresada" pola eurodeputada "non foi consultada nin é compartida" pola formación nacionalista.

"As decisións sobre iniciativas de representación política deben ser sempre colectivas; o contrario é faltar ao compromiso co electorado. Esperamos que non se insista nunha liña de decisións individuais non compartidas con ningunha das organizacións que promoveron a súa candidatura", indica Anova no seu comunicado.

Lídia Senra, que declinou facer declaracións sobre esta cuestión, foi elixida eurodeputada no ano 2014 pola candidatura de coalición Alternativa Galega de Esquerdas en Europa (AGEe), formada por Anova e Esquerda Unida-Izquierda Unida. A parlamentaria está integrada no grupo Esquerda Unitaria Europea (GUE/NGL).

Nunha iniciativa rexistrada o 24 de agosto, Senra pregunta á Comisión de Sanidade se "non considera necesario garantir que as familias o persoal sanitario reciban información sobre todos os efectos secundarios que pode producir cada compoñente das vacinas, que as vacinas estean suxeitas ao cuestionario prevacinal elaborado polos colexios de médicos e que se instaure o consentimento informado".

Na formulación da iniciativa, a eurodeputada indica que "as vacinas conteñen aluminio, escualeno, antibióticos e polisorbato, entre outros compoñentes", e, a continuación, asegura que "teñen efectos colaterais, contraindicaciones e moitos efectos secundarios e adversos que poden aparecer despois da vacinación, chegando nalgúns casos a provocar a morte".

"Non considera a Comisión que ningún Estado membro debería obrigar á poboación a someterse a unha práctica de risco e que a vacinación non debería ser obrigatoria en ningún Estado, dado que ninguén puido demostrar a seguridade das vacinas?", reza a segunda parte da pregunta presentada por Senra, que xerou unha gran polémica nas redes sociais.

EU TACHA A SENRA DE "TRÁNSFUGA"

Pola súa banda, o secretario de Organización de Esquerda Unida, Rubén Pérez, asegurou, en declaracións a Europa Press, que non recoñece a Lídia Senra como a súa eurodeputada, xa que esta "funciona" como parlamentaria "non adscrita" polo que "non rende contas a ninguén" e actúa de forma "persoal" no seu traballo en Bruxelas.

Con todo, critica as "condenables" afirmacións de Senra sobre as vacinas, que "non forman parte da proposta política" coa que AGEe se presentou ás eleccións europeas de 2014 e, así mesmo, "vai en contra" do expresado polo grupo da Esquerda Europea, onde se integra a deputada galega.

Así as cousas, Esquerda Unida indicou que as afirmacións de Lídia Senra na súa pregunta sobre as vacinas merecen "explicacións", á vez que cargou contra a eurodeputada por "manter a acta" e desligarse de AGE "nun claro caso de transfuguismo".

ANOVA CRITICA A INICIATIVA

Pola súa banda, Anova trasladou que "a vacinación sistemática da poboación supuxo nas últimas décadas un avance notorio na saúde pública", xa que conseguiu "erradicar ou minimizar" a transmisión de enfermidades infecciosas.

Deste xeito, após aclarar que "non existe ningún fármaco que careza de efectos secundarios", a formación nacionalista manifesta que as vacinas incluídas nos calendarios presentan "un balance risco-beneficio demostrado".

"Unha redución significativa na porcentaxe de vacinacións do sistema público sería un risco evidente non só para as persoas que o deixasen de facer, senón tamén para a sociedade en xeral, polo que non se debe alentar tal feito", continúa.

Anova tamén pon o foco en que "os intereses meramente mercantilistas" da industria farmacéutica "non se poden obviar", á vez que opina "sería desexable" que a investigación e desenvolvemento de produtos sanitarios "transcorrese por outras vías", aínda que aclara que este argumento "non poden levar a considerar as vacinas como elementos prescindibles para a saúde pública".

EN MAREA SÚMASE ÁS CRÍTICAS

En Marea tamén saíu ao paso da iniciativa presentada por Senra para desmarcarse da "posición política e científica" expresada pola eurodeputada na súa pregunta.

Así as cousas, após aclarar que Senra non está ligada orgánicamente a En Marea como parlamentaria, o partido instrumental indica que as vacinas "salvan vidas e evitan enfermidades" e que, unha vez pasan os controis de seguridade e risco, "forman parte esencial das políticas preventivas de saúde pública".

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 xamanadevedra

pseudo centestista xamanista, alem de espanholeira!!! confluência de oportunistas!!!

2 Beiriñas

E Beiras que di?

1 Cho-vi-ti-to

A ver que rosma o pastrán do Cho-vi-ti-to nesta nova