A auga de Vigo é potable "ao 100%", segundo as análises do Concello

A Xunta advirte de que os niveis están "ao límite" do permitido pero non adoptará polo momento ningunha medida para restrinxir o uso da auga e limítase a advertir que estará "vixiante". Sanidade agarda novos informes sobre a calidade da auga en Moaña, Redondela e Soutomaior.

Por Europa Press / Redacción | Vigo | 08/12/2017 | Actualizada ás 22:06

Comparte esta noticia

O Concello de Vigo sostén que as novas análises realizadas este mesmo venres na auga confirman que é potable "ao 100%", pero a Xunta alertou de que os datos que recibiu de Aqualia, a concesionaria do servizo, sitúan os parámetros de ferro "ao límite".

Foto no twitter do popular Javier Dorado para denunciar a auga turbia na que tivo que bañar á súa filla.
Foto no twitter do popular Javier Dorado para denunciar a auga turbia na que tivo que bañar á súa filla. | Fonte: @JaviDorado

O Consistorio vigués emitiu un comunicado no que subliña que a auga en Canido, onde a Xunta detectara niveis de ferro por riba do recomendado, "tamén é potable ao 100%". Así, explica que as análises practicadas este xoves, que colocaban os parámetros ao límite da potabilidade, están "por baixo da norma".

Respecto diso, a xefa de Sanidade Ambiental da Consellería de Sanidade, Mercedes Domonte, concretou a Europa Press que os datos remitidos este mesmo venres pola tarde a Aqualia revelan 514 microgramos por litro de ferro á saída da ETAP do Casal, un parámetro que se eleva a 559 microgramos por litro no punto da rede en Canido onde se dispararon os valores.

O límite paramétrico do ferro é de 200 microgramos por litro, entre 200 e 600 a auga é apta con non conformidade e a partir de 600 considérase non apta para o consumo. Por conseguinte, a Xunta non adoptará polo momento medidas que restrinxan o uso de auga tanto para beber como para cociñar, pero advirte de que se manterá "vixiante".

NOVAS MOSTRAS

A xefa da sección de Sanidade Ambiental do servizo da Consellería de Sanidade asegurou que farán "o imposible" para "canto antes volver recoller mostras" e practicar os controis que garantan que o consumo de auga non entraña "ningún risco".

En calquera caso, enviou unha mensaxe "de tranquilidade" á cidadanía, porque "non son parámetros tóxicos", senón que a cor da auga e o sabor metálico fan desagradable o seu consumo, pero "a inxesta baixa de ferro non representa risco para a saúde" e os límites legais "son moi seguros", aínda que "non se deben esgotar até o final".

Esta técnica explicou a Europa Press que as choivas que están a caer e as que se prevén para as próximas horas terán uns efectos "moi dubidosos", porque aumentarán o caudal do encoro, pero á vez tamén poderían ter "un efecto arrastre e remover as capas de auga", co que poderían aumentar os niveis de sustancias desaconselladas.

DISCREPANCIAS SOBRE A ORIXE

O Concello de Vigo atribuíu os niveis de ferro por encima do recomendado detectados nunha análise de auga no barrio de Canido a unha obra realizada na estrada e acusou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de saber que ese rexistro "non ten relación coa potabilizadora".
O Consistorio vigués, que dirixe o socialista Abel Caballero, asegura que o nivel elevado de ferro detectado en Canido "non se debe nin á seca nin á depuradora", senón que está relacionado "co cambio dunha tubaxe" e asegurou que "é algo que coñece a Xunta".

No entanto, fontes da Xunta aseguraron a Europa Press que a obra que foi comunicada ao inspector realizouse en Orillamar e que os técnicos sosteñen que, en calquera caso, "podería afectar o parámetro da turbidez, pero non ao de ferro".

Con todo, o Consistorio vigués proclama que "Feijóo segue mentindo, sementando a inquietude entre a cidadanía, porque sabe que a auga de Vigo é potable, tal e como confirmaron as análises efectuadas hoxe".

"O problema da seca en Vigo é a falta de auga na presa de Eiras e non a potabilizadora, que en condicións normais é quen de potabilizar para Vigo, Moaña, Cangas e Redondela con resultados óptimos", afirma o consistorio, que agrega que se a Xunta fixese o transvasamento "comprometido en 2011" non se tería chegado até a situación actual. "En Vigo non o fixeron e na Coruña si", quéixase.

MOAÑA, REDONDELA E SOUTOMAIOR

Á parte de no barrio vigués de Canido, a Consellería de Sanidade detectou parámetros por encima do aconsellado nos municipios pontevedreses de Moaña, Redondela e Soutomaior.
Agora deben ser os xestores dos servizos municipais de auga os que trasladen os seus propios datos para confirmar se se ratifican estes parámetros anormais. No caso de que se confirmase que se superan os valores máximos permitidos nas próximas 24 horas, a autoridade sanitaria podería desaconsellar o consumo humano e así llo recomendaría aos concellos correspondentes, que son os encargados de comunicar aos cidadáns a situación.

Polo momento, Sanidade xa informou ás consellerías de Educación e de Política Social para que teñan preparadas medidas alternativas para aplicar nos seus centros. Ademais, o Goberno galego, extremou a vixiancia sobre a potabilidade dos abastecementos tamén en Cangas, Vincios e Mos, ademais de en Vigo, Redondela e Moaña, debido ás "deficiencias" detectadas na potabilizadora do Casal.


A DENUNCIA DE JAVIER DORADO

Mentres Concello e Xunta cruzaban acusacións, o popular Javier Dorado, secretario xeral do PP vigués e director do INJUVE, subiu a mediodía unha foto ás redes sociais para denunciar a auga turbia na que tiña que bañar á súa filla: “Aquí he tenido que bañar a mi hija mientras @abelcaballero decía que el agua estaba perfecta. Hoy sabemos que hay más hierro de lo aconsejable y él dice que ya lo sabía. Va a asumir responsabilidades o seguirá tocando la guitarra en TV? Dónde está la potabilizadora municipal?”

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Undopobo

Quen non é potable é o alcalde

1 Gamela

Potabilizadora 0 - Depuradora 0 Mentres eles viven cada vez mellor a costa de todos nós !!! https://flic.kr/p/QpAGAj