'O quebranoces' chega a Vigo co Ballet Nacional Ruso

O clásico de Piotr Tchaikovsky sairá á escena o vindeiro luns no Teatro Afundación a partir das 20:30 horas. As entradas pódense adquirir xa na web ataquilla.com

Por Galicia Confidencial | Vigo | 08/12/2017 | Actualizada ás 21:28

Comparte esta noticia

O Ballet Nacional Ruso visitará o Teatro Afundación de Vigo (Policarpo Sanz, 13) o vindeiro luns 11 de decembro, a partir das 20:30 horas, para representar o clásico de Piotr Ilyich Tchaikovsky O quebranoces. As entradas están xa dispoñibles na web de ataquilla.com.

O clásico de Tchaikovsky, o luns en Vigo.
O clásico de Tchaikovsky, o luns en Vigo. | Fonte: afundacion.org

O quebranoces é un ballet de dous actos con coreografía orixinal de Marius Petipa e Lev Ivanov composto por Piotr Ilyich Tchaikovsky. O libreto é unha adaptación do conto de Hoffmann O quebranoces e o Rei Rato. Estreouse no Teatro Mariinsky de San Petersburgo o 18 de decembro de 1892, en sesión dobre coa ópera de Tchaikovsky, Iolanta.

Pola súa banda, o Ballet Nacional Ruso foi fundado en 1989, cando o solista do Teatro Bolshoi de Moscova, Sergei Radchenko, tenta realizar a súa visión dunha compañía que reunise os elementos máis clásicos das grandes compañías de Ballet Kirov e Bolshoi nunha nova compañía de ballet independente dentro do marco do ballet clásico ruso. Os principais bailaríns de toda Rusia forxan, baixo a dirección de Radchenko, unha emocionante compañía poñendo en escena novas producións de clásicos atemporais como Giselle, Don Quixote, Paquita e Carmen.

Desde os seus inicios, o Ballet Nacional Ruso completou numerosas xiras por Europa, con extraordinarias recepcións en Italia, Francia, España, Alemaña, Países Baixos ou Reino Unido. A compañía realiza ademais xiras por todo o mundo, destacando as realizadas con grande éxito por Turquía (no Festival de Istambul), Xapón, Corea, Singapur e Hong Kong.

Baixo a dirección de Sergei Radchenko, o Russian National Ballet continúa ampliando o seu repertorio. Ademais da posta en marcha de novos traballos tanto en Rusia como no estranxeiro, a compañía especialízase nos ballets máis complexos do século XX, como A cincenta, Romeo e Xulieta, A lenda do amor, Flor de pedra e A idade de ouro.

O Ballet Nacional Ruso percorre asemade de costa a costa os EUA todas as tempadas nunha longa xira mostrando o seu amplo de repertorio nas máis importantes salas e teatros do país norteamericano.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta