A Xunta endurece a vixilancia das traídas pola seca e non descarta desaconsellar o consumo

Pon o foco en Vigo, onde Feijóo acusa a Caballero de facer obras "con rendibilidade política" e non a potabilizadora nova

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/12/2017 | Actualizada ás 18:53 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O Goberno galego decidiu endurecer a vixilancia sobre as traídas municipais por mor da seca que afecta a Galicia e, co foco sobre todo en Vigo e a súa área metropolitana, demandou ás empresas xestoras da auga que lle dea traslado "en tempo real" sobre o contido das análises de potabilidade que realizan habitualmente.

O presidente da Xunta e o conselleiro de Sanidade após o Consello.
O presidente da Xunta e o conselleiro de Sanidade após o Consello. | Fonte: Europa Press

O obxectivo, segundo o presidente autonómico, Alberto Núñez Feijóo, é proporcionar á cidadáns "información, sen alarmismos". De feito, o xefe do Executivo avanzou que, se as mostras saen mal, desaconsellarase o consumo humano. Aínda que matizou que as choivas desta semana poderían "evitar a mala noticia". A palabra final terana as analíticas.

"A Consellería está a requirir a todas as empresas contratadas analíticas e que nos pasen en tempo real as mostras e informaremos os cidadáns sobre se as traídas son potables non. E visto o que pasou en Vigo, farémolo noutras concas e lugares. Daremos a información para tranquilizar ou advertir", trasladou o presidente, ao termo da reunión semanal do seu Executivo.

Aínda que advertiu que a competencia de "informar" sería municipal, esgrimiu que, despois do sucedido en Vigo, a Xunta non dubidará en trasladar os datos á cidadanía se é preciso. Previamente, cargou con dureza contra o Concello de Vigo, con Abel Caballero á fronte, por "negar durante 14 meses" que a potabilizadora non tiña capacidade para cumprir a súa función a medida que "baixaba o caudal".

De feito, proclamou que se trata dunha actitude "especialmente grave" e de "unha irresponsabilidade" que non viu até o momento "en ningunha Alcaldía". En fronte, reivindicou a "celeridade" do seu Goberno e sinalou que, desde hai meses, se tería que ir alertando dos problemas que podía causar unha seca continuada no conxunto da comunidade.

"XOGAR COA SAÚDE DA XENTE"

No polo oposto, Feijóo espetou que non foi até o pasado venres cando houbo "o primeiro escrito oficial" do Concello vigués. "E apuramos o que nos permite a lei para reducir a canle ecolóxica", agregou, en defensa da actuación do Executivo autonómico fronte ao Consistorio vigués, ao que acusou de "xogar coa saúde da xente" e "facer política coa saúde".

Ao seu modo de ver, o Concello debería ser coñecedor e informar "da realidade" da potabilizadora desde o ano 2010 e facer unha nova, pero utilizou os "impostos" de quen, como el, teñen casa en Vigo, para facer obras "con rendibilidade política" e non para velar polo consumo da auga dos veciños.

"RÚAS" E "ORNAMENTOS"

"Neste sete anos podíase facer unha potabilizadora nova, pero fixéronse rúas, lousas e ornamentos. O diñeiro da auga non se investiu en auga, senón en instalacións que teñen rendibilidade política, pero que cuestionan a rendibilidade que supón investir na auga", reprochou.

"O Concello terá que explicar isto", engadiu, antes de reafirmarse en que agora a Xunta vai informar aos cidadáns. "Aínda que é o Concello o que ten a responsabilidade, a competencia e quen cobra os impostos. Daremos información sen alarmismos", sentenciou.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta