Europa aínda non deu axudas pola vaga de incendios de outubro porque España “non as pediu”

Tanto Galicia como Asturias poderían percibir importantes axudas dos fondos de solidariedade sempre e cando os danos superen o 1,5% do seu PIB.

Por Galicia Confidencial | Bruxelas | 07/12/2017 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Galicia segue sen recibir as axudas europeas pola vaga de incendios de outubro porque o Goberno Central non as reclamou, aínda, de xeito oficial. De feito, desde a UE recoñeceron que oficialmente aínda non se presentou solicitude algunha ás institucións comunitarias para activar o Fondo Europeo de Solidariedade como ferramenta para enfrontar os danos producidos polos lumes. 

Lume en Pazos de Borbén, en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017
Lume en Pazos de Borbén, en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017 | Fonte: Miguel Núñez.

Foi a Comisaria de Política Rexional, Corina Cretu, que informou desta situación logo dunha pregunta que a eurodeputada Izaskun Bilbao Barandica, que actúa tamén en representación de Compromiso por Galicia, fixera na Comisión Europea. Na súa resposta, Cretu sinala  que “España aínda non solicitou axuda do Fondo de Solidariedade da Unión Europea (FSUE) para Galicia e Asturias”. 

De feito, e ante a falta de información por parte do Executivo español, a comisaria europea detalla ademais os trámites que o executivo estatal debe realizar para activar esta ferramenta de solidariedade europea: presentar unha solicitude nun prazo de doce semanas despois de que se producisen os incendios, acompañada dunha avaliación rigorosa dos danos directos totais. “Pero a Comisión non dispón de información sobre a magnitude do dano causado”, asegura.

DANOS SUPERIORES AO 1,5% do PIB

A Comisión Europea lembra  que o regulamento que regula este fondo establece que, no caso das catástrofes rexionais, os danos directos totais deben superar o 1,5 % do produto interior bruto (PIB) da rexión. Por tanto, no caso de Galicia, é preciso que os danos sexan superiores a 808 millóns EUR, mentres que o limiar correspondente a Asturias é de 312 millóns EUR. Cando a catástrofe afecte a varias rexións, como ocorre neste caso ao incluírse Galicia e Asturias, o limiar aplicarase ao PIB medio das devanditas rexións, ponderado en función da proporción dos danos totais correspondente a cada rexión.

Ademais, a comisaria Cretu aclara igualmente que o fondo europeo só pode utilizarse para contribuír a sufragar os custos das operacións públicas de emerxencia e recuperación. “Non poderán compensarse os danos asegurables, incluídos todos os danos de carácter privado sufridos polos propietarios de vivendas ou as empresas”, indica. 

Polo que respecta ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, a comisaria sinala que o programa correspondente a Galicia para o período 2014-2020 apoia medidas relacionadas coas prioridades de Investimentos destinada á adaptación ao cambio climático, incluídos formulacións baseadas nos ecosistemas e investimentos para abordar os riscos específicos, e garantías de adaptación fronte ás catástrofes e desenvolvemento de sistemas de xestión de catástrofes por un total de 39,5 millóns EUR.

“É simplemente incomprensible que non dispoñamos aínda dunha avaliación de danos. Nós pensamos que os problemas que o lume produciu para todo o agro galego e en xeral para toda a sociedade superan de longo os 800 millóns de euros”, apuntan desde CxG. De feito, esta é a cifra que, como sinala a comisaria, deben alcanzar para poderse acoller ao fondo. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Reptiliano

A culpa é de Puchedemón e Putin.