Unanimidade para instar á Xunta a informar do avance e das medidas contra a couza guatemalteca

O PP aproba en solitario unha proposta para "humanizar" os servizos sanitarios, entre reproches da oposición por ser "un brinde ao sol".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/12/2017 | Actualizada ás 16:39

Comparte esta noticia

O Parlamento de Galicia insta á Xunta a informar do avance da couza guatemalteca, as medidas que se tomarán para erradicala e a facer balance tanto das actuacións realizadas até o momento, como das axudas concedidas a particulares e produtores de pataca.

Pataca afectada pola polilla guatemalteca.
Pataca afectada pola polilla guatemalteca. | Fonte: Europa Press

Esta proposta, defendida polo deputado de En Marea Davide Rodríguez, contou co apoio unánime dos grupos. En concreto, o parlamentario apuntou que, desde a constatación da existencia da praga en agosto de 2015, estendeuse de tres até máis de 32 concellos, levando á ampliación das zonas infestadas e das prohibicións de plantación, entre outras.

Así mesmo, en marzo deste ano, o Parlamento aprobou a creación dunha comisión de seguimento para investigar a situación e trasladar información á sociedade e aos afectados. "Nove meses despois", sinalou, os grupos continúan sen información, a pesar do avance "intenso" da praga.

Xosé Luís Rivas 'Mini' (BNG) coincidiu co deputado de En Marea, lamentando ter que facer "preguntas ao aire" ante o "máis rigoroso hermetismo" que existe sobre o tema e a pesar da aparición de bolsas "con patacas contaminadas" en colectores ou 'regachos', que evidencia que "non se xestionou ben a retirada".

Desde o grupo socialista, José Manuel Pérez Seco considerou que este problema "non está a ser controlado", coa consecuente "preocupación" dos municipios limítrofes ás zonas afectadas. Por iso, lamentou seguir "coa incerteza" da falta de información, a pesar dos centos de afectados, o que "pon de relevo" a "pouca atención ao problema" desde a Xunta.

Fronte ás críticas por esta falta de comunicación, o deputado popular Carlos Gómez Salgado lembrou que se deron até "15 respostas" parlamentarias a preguntas sobre a praga da couza, ademais de dúas reunións da comisión técnica de seguimento, na que está representada a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e na que se facilitou información aos municipios afectados.

Así, lembrou que desde o 1 de maio ao 21 de agosto recolléronse 350 toneladas de pataca e destacou a "diminución importante do número de exemplares capturados" debido ás medidas tomadas pola Xunta en localidades como Valadouro, Xove, Mañón ou Neda. A pesar diso, en aras da "transparencia", comprometeu o apoio do seu grupo á iniciativa de En Marea.

HUMANIZACIÓN EN SANIDADE

Doutra banda, tamén se aprobou unha proposta do PP, coa abstención dos demais grupos, para instar á Xunta a continuar coa trasformación de servizos sanitarios para responder aos requirimentos dos cidadáns a través da humanización, tanto na capacitación científico-técnica dos profesionais como na aproximación humana ao paciente.

A deputada María Encarnación Amigo destacou a Sanidade como área "primordial" na acción da Xunta desde 2009, destacando o investimento de máis de 700 millóns en infraestruturas e preto de 100 en tecnoloxía. A partir de aí, considerou que chegou o "momento da humanización", orientando as accións cara ao servizo do usuario con dignidade e valores.

Para iso, apostou por avanzar no Plan estratéxico de humanización da asistencia sanitaria, crear contornas favorecedores neste ámbito e orientar o coñecemento ao servizo dos demais desde a sensibilidade e a ética do cuidadano, transmitindo información da mellor maneira posible.

Fronte a iso, a oposición reprochou a falta de concreción da iniciativa. Noa Presas (BNG), que presentaba unha emenda a esta proposta, reclamou a "dotación de seres humanos" para "humanizar a sanidade", para dar mellor atención aos usuarios e profundar na confianza mutua.

Así mesmo, reclamou un plan de choque para as listas de espera e que se deixen de derivar pacientes á privada, e un plan de mellora da atención primaria, que é a "porta de entrada" para a maioría da poboación.

Desde o outro grupo que presentou emenda, Julio Torrado (PSOE) criticou o "absoluto brinde ao sol" do PP, cunha iniciativa chea de "palabras baleiras" e carente de "medidas concretas" máis aló de "declaracións de intencións".

Neste sentido, reclamou a necesidade de "persoal". "Iso é humanizar a sanidade, o demais son debates baleiros", advertiu, lembrando a negativa do PP a propostas de plans de emprego, ou de mellora de atención pediátrica.

Nesta liña, Paula Vázquez Verao, de En Marea, lamentou a "propaganda" desta proposta, insistindo na importancia de contar con "recursos humanos" para frear a precariedade do sector, cun 23% en atención primaria e 34 en especializada.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta