Temas: SECA AUGA

A Xunta, sobre a seca: “A posibilidade de entrar en emerxencia é unha posibilidade que estamos a avaliar”

A conselleira de Medio Ambiente cre "absolutamente esencial" ter unha "leal colaboración" cos concellos "para facilitar o exercicio das súas competencias"

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/12/2017 | Actualizada ás 13:51

Comparte esta noticia

A conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, afirmou este martes que, aínda que "a emerxencia" por seca en Galicia "non é unha realidade a día de hoxe", é "unha posibilidade" que avalía a Xunta. "A posibilidade de entrar en emerxencia é unha posibilidade que estamos a avaliar", explicou.

Encoro de Portomarín afectado pola seca
Encoro de Portomarín afectado pola seca | Fonte: Europa Press

"É unha posibilidade que as circunstancias que nos ocupan, na meteoroloxía non nos acompaña e, efectivamente, fainos seguir ese protocolo escrito", manifestou Mato.

"A emerxencia non é unha realidade a día de hoxe, pero, evidentemente, estamos en alerta, valla a redundancia, sobre iso", sentenciou a titular de Medio Ambiente.

Sobre a situación de alerta declarada este luns en toda Galicia, Mato comentou que a partir de agora a Xunta, con todos os concellos da súa conca, seguirá con contactos e reunións. "O primeiro de todo para informar de cal é a situación real dos seus ríos e dos seus encoros e, o seguinte, para manter reunións de carácter periódico, que van ser as reunións físicas de carácter quincenal como xa estamos a facer cos outros sete sistemas dos 19 que temos en competencia actualmente", comentou.

Ademais, sinalou que farán "un seguimento máis estreito, máis aló de colaborar con todo aquel que o necesite para axilizar as autorizacións ou se queren facer algunha outra toma de auga".

COLABORACIÓN

"Trátase de ter unha colaboración absoluta. Creo que nestas circunstancias nas que nos atopamos agora na que toda Galicia está en situación de alerta é absolutamente esencial ter unha leal colaboración cos concellos para facilitar o exercicio das súas competencias no que é o abastecemento de auga", subliñou.

Preguntada sobre a data na que se celebrarán esas reunións, a titular de Medio Ambiente sinalou que "se convocarán agora para os próximos días".

PLAN DA SECA

No marco das súas declaracións, a titular de Medio Ambiente remarcou o "traballo feito hai moito tempo cando Galicia non falaba de posibilidade de ter seca, como é o Plan da seca, aprobado no ano 2013".

"Isto é a nosa folla de ruta para poder actuar en circunstancias como estas", comentou, para engadir que "probablemente" no ano 2013 críase "que non ían ocorrer, pero que agora están a ocorrer".

"Por iso, seguiremos ese protocolo e efectivamente estamos preparados porque xa daquela identificamos as infraestruturas esenciais no caso das emerxencias", sostivo.

A iso engadiu que actualmente están "a concretar estas infraestruturas e esa folla ruta di o que hai que facer e quen o ten que facer". "Polo de agora na fase na que nos atopamos, que é a de alerta, a responsabilidade de coordinación está nesta Consellería, que é a que estamos a exercer coa total e absoluta colaboración, como debe de ser, por parte dos concellos", concluíu.

"TARDANZA" NA NOTIFICACIÓN DE VIGO

Coa seca no foco de actualidade, o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, tamén foi cuestionado, nunha entrevista en Antena 3, polas críticas do alcalde de Vigo, Abel Caballero, á actuación da Xunta. " Abel Caballero pode insultarnos pola mañá e ameazarnos pola noite", espetou.

"Desde hai un ano hai prealerta en Vigo e non tivemos notificación do Concello de Vigo até hai un mes. A primeira resposta é do pasado venres", aseverou o mandatario galego, quen afirma que "non hai ningún problema con ningún alcalde de Galicia", senón que a Xunta está "a traballar con todos".

Feijóo agregou que "o problema en Vigo xa non é a cantidade, senón a calidade da auga". "Preocúpanos a calidade, estamos preocupados pola potabilizadora de Vigo", indicou, antes de incidir en que, por iso, o alcalde "tardou en dar a notificación".

"O Concello de Vigo ocultou información desde o punto de vista da potabilización. Cando hai un problema, o mínimo é colaborar e non insultar", concluíu.

Temas: SECA AUGA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta