Galicia activa a primeira incubadora de novos fármacos en España

Atrae máis de 150 proxectos de todo o Estado e de países como Francia, Alemaña, Reino Unido ou Canadá.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 05/12/2017 | Actualizada ás 13:08

Comparte esta noticia

Galicia activou a primeira incubadora de novos fármacos no Estado español. Este proxecto pioneiro foi presentado este luns en Santiago de Compostela nun acto no que participaron os conselleiros de Economía, Emprego e Industria, e de Sanidade, Francisco Conde e Jesús Vázquez Almuiña. Trátase dunha iniciativa que desenvolve a Xunta en colaboración coa empresa Janssen e a Fundación Kaertor, da man de Mabel Loza e Ángel Carracedo, e que fará de Galicia un polo de innovación aberto ao descubrimento de fármacos.

Presentación en Santiago de Compostela da primeira incubadora de novos fármacos en España
Presentación en Santiago de Compostela da primeira incubadora de novos fármacos en España | Fonte: Xunta.

Conde puxo en valor a magnitude internacional da iniciativa, lembrando que máis de 150 proxectos de toda España e de países como Francia, Alemaña, Reino Unido ou Canadá, mostraron o seu interese en participar nesta actuación coa que se estima mobilizar 2 millóns de euros para favorecer a transferencia do coñecemento e o espírito emprendedor, buscando que novos fármacos logren chegar ao mercado.

O titular de Economía tamén salientou a capacidade desta aceleradora para atraer o mellor talento a Galicia e a oportunidade que será para crear emprego de alta cualificación. De feito, prevese a contratación de 20 perfís desta tipoloxía, dos que 8 xa se xeraron.

Ademais, sinalou o compromiso da Xunta coa biotecnoloxía, afirmando que apostar por este sector é apostar pola 'Marca Galicia', apuntando que é a terceira Comunidade onde máis creceu o biotech, o dobre que a media estatal, e a quinta con máis empresas neste ámbito grazas, en palabras de Conde, a un tecido empresarial que está vivo e con ganas de seguir conquistando mercados.

Neste ámbito, a Administración autonómica está desenvolvendo a Estratexia de impulso á biotecnoloxía que mobilizará 200 millóns de euros ata o final desta década co obxectivo de seguir impulsando a innovación e acadar un tecido industrial máis competitivo. Segundo Conde, a innovación e o talento están chamados a ser as chaves da economía galega ao abrir novas portas á creación de riqueza e un emprego de calidade.

Para rematar, o conselleiro agradeceu á firma internacional Janssen e á Fundación Kaertor o labor que están realizando poñendo en valor a importancia de levar a cabo proxectos en equipo a través dunha colaboración público-privada.

“Espero que esa colaboración público-privada dea resultado e responda a dous principios cos que actúa a Xunta cando pensa en clave de innovación”, dixo, que haxa transferencia de coñecemento, e que se poidan atraer novos investimentos. Ese modelo de innovación aberta é o obxectivo común deste convenio, remarcou, e puxo como exemplo a Business Factory Auto no sector da automoción.

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, destacou a importancia desta iniciativa en tanto que a investigación aplicada “é un recurso que xera valor no noso Sistema Público de Saúde, un investimento que reporta múltiples beneficios en termos de mellora da calidade de vida de nosas cidadáns, de xeración de coñecemento e mesmo de beneficios económicos”.

Neste senso Almuiña salientou que a Consellería de Sanidade leva anos, de modo conxunto con GAIN, apostando por novas formas de colaboración entre o sector público e privado, e así o demostra a presenza na Unidade Mixta desenvolvida con Roche Farma, e outras iniciativas.

A nova incubadora conta coa experiencia da plataforma Innopharma do CIMUS da Universidade de Santiago (USC), que ten logrado importantes resultados, como 42 acordos con compañías e empresas, 6 acordos con industrias farmacéuticas para desenvolver novos modelos de colaboración público-privada e novos estándares en descubrimento de fármacos e para a formación de novos profesionais, así como 25 colaboracións con grupos de excelencia dos mellores centros estatais.

Janssen como compañía farmacéutica innovadora baseada na investigación actúa como catalizador para que proxectos de investigación biomédica temperá con capacidade transformacional poidan converterse en novas aplicacións terapéuticas en áreas de alta necesidade médica.

Este programa supón unha aproximación pioneira que permitirá o fortalecemento dun ecosistema de innovación en biomedicina tanto en Galicia como en España co obxectivo final de encontrar novos fármacos que melloren a vida dos pacientes.

Con esta iniciativa, Janssen súmase a outras importantes compañías do sector, como Laboratorios Esteve, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela, ou Roche Farma, xunto coa Fundación Ramón Domínguez, que xa están a innovar en Galicia a través do programa de Unidades Mixtas de Investigación.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta