Galicia e Portugal suman forzas para a conservación da toniña

Equipos da Cemma e lusos comparten coñecemento no III Workshop Internacional do proxecto LIFE+MarPro “Management Plans for Marine Protected Areas”, en Aveiro. Propoñen a creación dunha área de protección transfronteiriza para a conservación desta especie.

Por Galicia Confidencial | Nigrán | 05/12/2017 | Actualizada ás 10:49

Comparte esta noticia

As augas de Galicia e Portugal poden ser claves para a conservación da toniña (Phocoena phocoena) no Atlántico oriental, polo que se facía necesario un debate transfronteirizo para abordar este asunto. Equipos que estudan os cetáceos en ambos os dous países comparten espazo entre o 4 e o 5 de decembro no III Workshop Internacional do proxecto LIFE+MarPro “Management Plans for Marine Protected Areas”, co fin de debater propostas enfocadas a poñer en marcha accións para a conservación desta especie.

Exemplar de toniña capturado en Galicia
Exemplar de toniña capturado en Galicia | Fonte: Cemma.

A xuntanza de traballo foi organizada polo proxecto LIFE MARPRO, realizado en Costa Nova, Aveiro, e ata alí se desprazaron investigadores da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños - Cemma, con base en Nigrán. Ao encontro acudiron José Antonio Martínez e Alfredo López para expoñer a situación da especie en Galicia, dar a coñecer as súas ameazas e realizar unha proposta de medidas de conservación

A toniña é a especie de cetáceo de menor tamaño de todas as que están presentes no Hemisferio Norte. Na costa atlántica oriental distribúese dende as augas circumpolares (Mar de Barents), ata a costa senegalesa africana. No Mediterráneo está considerada extinguida. A poboación que está presente nas augas da Península Ibérica resulta de especial singularidade.

Co nome de toniña meridional (P. phocoena meridionalis), denomínase ao ecotipo das toniñas que están presentes nas augas da Península Ibérica, téndose comprobado xeneticamente que constitúen un núcleo poboacional diferente a calquera outra poboación de toniñas do mundo.

As toniñas Ibéricas están máis emparentadas coas que viven no Mar Negro que coas do norte de Europa, polo que deberon formar parte dunha antiga poboación que, no pasado, se estendeu por todo o Mediterráneo e norte de África. As toniñas meridionais Ibéricas son máis grandes que as toniñas do norte de Europa, o que acrecenta a súa singularidade. 

O debate de maior intensidade centrouse na proposta de áreas de conservación, de obrigada instauración por parte da lexislación vixente, co fin de establecer nelas medidas de conservación para garantir a supervivencia desta singular especie. Chegando á conclusión de que sería necesario o establecemento dunha área de protección transfronteiriza que recollera o groso da poboación da toniña das costas do norte de Portugal e sur de Galicia.

De non poñerse medidas para a súa protección e conservación, a toniña podería desaparecer das augas galegas en dúas décadas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta