Temas: SECA AUGA

Estendida a alerta por seca a toda Galicia

A oficina técnica da seca constituída no seo da Xunta propón ampliala á totalidade da demarcación Galicia-Costa.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/12/2017 | Actualizada ás 14:27

Comparte esta noticia

A oficina técnica da seca constituída no seo da Xunta decidiu este luns estender a alerta aos 12 sistemas da demarcación Galicia Costa que aínda se atopaban en fase de prealerta, a diferenza do que ocorría nos sete restantes. Deste xeito, e dado que na conca Miño-Sil esta situación xa se notificou en outubro, actualmente todo o país se atopa en alerta pola falta de auga.

Seca, no encoro de Portomarín (Lugo)
Seca, no encoro de Portomarín (Lugo)

"Non quere dicir que haxa maior risco de desabastecemento, senón que hai que adoptar medidas para protexer a auga que temos", puntualizou o director de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez, quen tamén apuntou que se esperan "choivas de certa entidade" a partir do próximo día 10.

Con todo, preferiu traballar "coma se as predicións non se fosen a cumprir" para poder "optimizar" a auga que actualmente albergan os encoros galegos.

Actualmente, segundo indicou o alto cargo da Xunta, os ríos galegos acumulan un déficit medio do 80 por cento ou, o que é o mesmo, contan cun 80 por cento menos de auga da que adoitan rexistrar na mesma época do ano.

"MEDIDAS POUCO HABITUAIS"

Neste escenario, deu conta de que este mesmo luns se ía reunir o comité permanente do consello reitor de Augas de Galicia (o organismo que ten encomendada a xestión da alerta por seca) e que "en próximos días" convocarase a todos os concellos afectados para seguir tomando decisións.

Polo momento, a "medidas pouco habituais" xa tomadas como a de reducir a captación de Ence ou a de transvasar auga do río Verdugo súmase o acordo de reducir "ao máximo que permite a lei" o caudal ecolóxico do encoro de Eiras, que abastece a Vigo.

CAUDAL ECOLÓXICO DE EIRAS

Aínda que se trata dunha demanda reiterada do Concello, que fora denegada pola Xunta, Roberto Rodríguez asegurou que a súa aprobación este mesmo luns non supón "un cambio de criterio" senón unha adaptación á situación existente.

E é que, como dixo, a prioridade na utilización da auga é o abastecemento da poboación e o Concello de Vigo notificou que "non ten garantías" de que poida potabilizar auga para máis de 25 días.

Por tanto, enmarcou esta medida "nun cambio radical das circunstancias" derivado da "incapacidade" da primeira cidade de Galicia de garantir a subministración aos seus cidadáns, posto que o encoro atópase "ao 38 por cento".

Neste punto, o director de Augas de Galicia suxeriu que "posiblemente" o Concello tería que "investir" máis na potabilizadora nos últimos anos, a fin de evitar agora reducir a cantidade de auga que se deixa pasar ao río.

Trátase, segundo as súas palabras, da "medida máis extrema e máis grave que se pode adoptar medioambientalmente nun río", pero "as persoas van antes que os peixes". Dito isto, salientou que "ao rescate" de Vigo saíron tanto "a Xunta" como "o río Oitavén".

TRANSVASAMENTO DO VERDUGO

Ao fío diso, apuntou que o transvasamento de auga do río Verdugo (no que conflúe o Oitavén) xa está acordado e que as obras están declaradas de emerxencia, polo que se poderían contratar xa nesta quincena para a súa execución en tres meses.

Despois de responder que "por agora non se prevé outro" transvasamento, o que puxo en valor é como a Xunta está "a colaborar" cos concellos para "favorecer" que poidan "cumprir" coa súa obriga de garantir a subministración de auga aos cidadáns.

Sen deixar de insistir na importancia do aforro de auga e após lembrar que os municipios de máis de 20.000 habitantes deben trasladar á Xunta o seu plan de emerxencias fronte á seca, Roberto Rodríguez avanzou que a oficina técnica volverá reunirse o día 18.

Temas: SECA AUGA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta