Abanca plantará 4.608 árbores autóctonas para axudar a recuperar os bosques galegos queimados

A entidade transforma a súa campaña do Nadal nunha acción solidaria, plantando unha árbore por cada empregado.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 04/12/2017 | Actualizada ás 13:17

Comparte esta noticia

Abanca presentou este luns a campaña solidaria que acaba de pór en marcha en todas as súas oficinas de Galicia e en liña no sitio web www.unhanovaarbore.com para recadar fondos e axudar á reforestación do monte galego afectado polos incendios do pasado mes de outubro.

Dantesca imaxe da parroquia de Chandebrito (Nigrán), onde morreron dúas persoas tras os devastadores lumes que arrasaron a zona e boa parte de Galicia en pleno outubro
Dantesca imaxe da parroquia de Chandebrito (Nigrán), onde morreron dúas persoas tras os devastadores lumes que arrasaron a zona e boa parte de Galicia en pleno outubro | Fonte: Miguel Núñez.

A entidade financeira decidiu transformar a súa campaña do Nadal nunha acción solidaria e plantará 4.608 árbores autóctonas, unha por cada empregado, para recuperar as zonas queimadas.

A partir deste xoves, calquera persoa poderá sumarse a esta iniciativa e colaborar con 10 euros. A cambio Abanca entregará o agasallo solidario ‘Unha árbore nova’, que contén un tronco de cartón reciclado co que se pretende simbolizar que este ano a árbore de Nadal está onde ten que estar: nos bosques galegos.

Co diñeiro recadado, a entidade financeira, a través do seu programa de voluntariado corporativo, realizará tarefas de reforestación nas zonas afectadas polos incendios en colaboración co Grupo Naturalista Hábitat.

“A nosa campaña de Nadal vai estar centrada en conseguir axuda para a reforestación dos nosos bosques. A decoración do Nadal en todas as sucursais será un vinilo coa mensaxe ‘Este Nadal a miña árbore está onde ten que estar… nos bosques galegos’ e o regalo solidario ‘Unha nova árbore’ para que todo o que queira poida contribuír á recuperación das zonas afectadas polos incendios”, asegurou durante a presentación o director de Marketing, Intelixencia e Dixital de Abanca, Jorge Mahía.

De esquerda a dereita, Andrés Rodríguez, do Grupo Naturalista Hábitat, Tatiana Suárez, directora de RSC de Abanca, e Jorge Mahía, director de Marketing, Intelixencia e Dixital de Abanca, presentan a campaña ‘Unha nova árbore’
De esquerda a dereita, Andrés Rodríguez, do Grupo Naturalista Hábitat, Tatiana Suárez, directora de RSC de Abanca, e Jorge Mahía, director de Marketing, Intelixencia e Dixital de Abanca, presentan a campaña ‘Unha nova árbore’ | Fonte: Abanca.

A campaña estará presente en todas as sucursais do banco en Galicia e o regalo solidario tamén se poderá conseguir a través do sitio www.unhanovaarbore.com e recibilo en casa. ‘Unha árbore nova’ irá acompañado dun folleto explicativo coas distintas accións que se irán pondo en marcha para reforestar o monte queimado. Ademais, todas as persoas que axuden cunha árbore e queiran saber que se fará con ela, poden deixar o seu correo electrónico e iráselles contando todas as iniciativas que progresivamente acompañarán este plan.

REFORESTACIÓN A PARTIR DE MARZO

As tarefas de replantación das árbores iniciaranse a partir de marzo de 2018. Os empregados da entidade que forman parte do programa de voluntariado corporativo de Abanca serán os encargados de plantar, en colaboración co Grupo Naturalista Hábitat, as árbores que se adquiran.

“O compromiso co medio ambiente é un dos alicerces da nosa política de Responsabilidade Social Corporativa e esta acción solidaria enmárcase dentro do programa de axuda que puxemos en marcha para paliar os danos dos incendios. Xa realizamos algunhas tarefas de rexeneración cos nosos voluntarios e con esta acción o obxectivo é plantar o maior número posible de árbores novas nos nosos montes”, indicou Tatiana Suárez, directora de Responsabilidade Social Corporativa de Abanca.

A primeira acción que se levará a cabo para a correcta rexeneración do chan será pór en marcha medidas que permitan reducir a súa degradación. Máis adiante, impulsarase o bosque autóctono coa plantación de especies arbustivas e arbóreas.

O director de actividades ambientais do Grupo Naturalista Hábitat, Andrés Rodríguez Pereira, explicou durante a presentación da iniciativa o tipo de árbores que se comprarán para a reforestación. “Plantaranse especies consideradas autóctonas, evitando en todo momento utilizar aquelas que teñan un posible comportamento invasor, sexan froito dun excesivo uso como recurso forestal (plantacións) ou aquelas utilizadas cun mero fin ornamental”, sinalou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta