Temas: CINEMA

Verín respira cinema do 1 ao 10 de decembro

A II edición do Festival de Curtas (FIC) Vía XIV prevé máis de 60 horas de actividades ligadas á sétima arte.

Por X.M. Fernández | Verín | 04/12/2017 | Actualizada ás 18:46

Comparte esta noticia

O Auditorio de Verín acolleu o sábado a gala inaugural da II edición do Festival de Curtas (FIC) Vía XIV, na que participaron o tenente alcalde da vila, Diego Lourenzo e o director do certame, Carlos Montero. Nun acto, presentado polo actor Toni Salgado, que congregou a máis de 150 persoas, presentáronse en detalle as liñas temáticas do festival e púxose en valor a relevancia dun certame, que espera achegar un retorno económico de máis de 150.000 euros para Verín e comarca.

Carlos Montero, Director do Festival. Fonte: Concello de Verín.
Carlos Montero, Director do Festival. Fonte: Concello de Verín.

En total, serán máis de 60 horas, entre proxeccións e actividades paralelas ligadas ao cinema, as que compoñen a programación desta segunda edición do Festival. Como filme inaugural, proxectouse esa noite no Auditorio de Verín Os días afogados de César Souto e Luis Avilés. Ambos os dous directores da cinta, que se ten amosado en diversos festivais internacionais e conta unha historia de fronteira e loita cívica que ten lugar na raia seca, estiveron presentes no acto inaugural do FIC Vía XIV.

Durante a inauguración, o tenente alcalde de Verín, Diego Lourenzo, sinalou que “a xente de Verín fai gala dunha imaxinación de contundente fertilidade” que se manifesta, sobre todo, nas datas de Entroido. “Somos un pobo creativo e amante das artes”, afirmou. Xunto a isto, indicou que “o Festival de Curtas de Verín e a nosa aposta estrutural por entrar na linguaxe”do cinema porque “na nosa vila medramos mirando cara aos escenarios e levamos todos dentro un actor”. “E levamos dentro tamén un director e un guionista, e un maquillador e un director de escena, e un músico e un bailarín. Porque en Verín, somos xente de cine, non me cansarei de repetilo, en todas as súas facetas”, apostilou Lourenzo.

Entroido, Fronteira e Emigración

Os eixos singulares e distintivos do Festival de Curtas de Verín seguen presentes nesta segunda edición do certame. Neste sentido, o FIC xira arredor das mesmas temáticas do ano pasado: Entroido, Fronteira e Emigración, tres conceptos moi instalados no imaxinario colectivo verinés. Se ben, os organizadores do Festival decatáronse, segundo sinalou Carlos Montero no acto inaugural, de que era necesario reorganizar as categorías posto que as  de Emigración e Fronteira solapábanse en certa medida. Deste xeito, nace a categoría Horizontes como representación simbólica desa liña imaxinaria e invisible que é metáfora das migracións. Nesta categoría participarán 10 curtas.

Autoridades e público na Gala Inaugural. Fonte: Concello de Verín.
Autoridades e público na Gala Inaugural. Fonte: Concello de Verín.

Dada a singularidade do territorio verinés, do Val do Támega (dividido pola “Raia”), non podía faltar no FIC Vía XIV unha categoría galego-portuguesa denominada A Raia. Nela poderase ver unha selección de 17 curtas de cineastas de Galicia e de Portugal.

De igual xeito, a sección dedicada ao entroido recibe agora o nome de Outra Mirada e recolle 12 obras que destrúen as regras cartesianas, que crean espazos alternativos, que experimentan coa linguaxe cinematográfica e que manexan códigos surrealistas e oníricos.

Paralelamente, creouse unha categoría a maiores denominada Nova para dar a posibilidade de concursar a diferentes pezas que non tiñan cabida nas  outras categorías temáticas establecidas. Nesta sección concursarán 15 curtas.

Actividades paralelas

Paralelamente ás proxeccións hai programadas actividades relacionadas como  as desta pasada fin de semana; un obradoiro no que os participantes tiveron a oportunidade de realizar a súa propia curta co seu teléfono móvil e unha Masterclass no Auditorio, ambas actividades a cargo da cineasta vasca Maider Fernández.

Unha retrospectiva sobre a Nouvelle Vague, un foco centrado na obra do cineasta colombiano Juan Soto, un ciclo homenaxe ao Mestrado de Documental Creativo da Universidade Autónoma de Barcelona (que neste 2017 cumpre 20 anos), unha homenaxe aos 25 anos do festival luso Curtas Vila do Conde e diversos ciclos de debate e mesas redondas, así como actividades para os cativos e cativas postas en marcha coa colaboración dos centros educativos de Verín e comarca, completan a axenda de actividades paralelas desta segunda edición do FIC.

Entidades patrocinadoras e colaboradoras

Xunto ao Concello de Verín, unha serie de entidades participaron activamente como colaboradoras ou patrocinadoras na posta en marcha do certame. Entre elas, a Deputación Provincial de Ourense, Augas de Cabreiroá, AGADIC, Caixabank, a Eurocidade Verín-Chaves e os concellos da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Verín. 

Temas: CINEMA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta