A solución contra os eucaliptos: que a sociedade actúe contra eles

Entidades galegas e portuguesas analizaron esta fin de semana a situación forestal en ambos os dous lados da fronteira. Destacan que o problema non é tanto desta especie invasora, senón a xestión que se fai dela, principalmente, co monocultivo ou incumprindo as normativas, e apostan por potenciar o bosque autóctono.

Por Galicia Confidencial | Salceda de Caselas | 04/12/2017 | Actualizada ás 08:47

Comparte esta noticia

A sociedade é a que debe reaxir fronte a proliferación dos eucaliptos. Esa foi a principal conclusión das “I Xornadas Galego-Portuguesas fronte a eucaliptización e os incendios”, que tivo lugar esta fin de semana en Salceda de Calesas organizadas pola rede de entidades a prol do bosque galego “Cousa de Raíces”, o colectivo ecoloxista ADEGA e a Asociación Treze-Catorze, coa colaboración do Concello de Salceda, a Associação Quercus e a Asociación Matogueira.

Avance do eucalipto fronte ás carballeiras
Avance do eucalipto fronte ás carballeiras | Fonte: Adega

“O debate sobre os impactos do eucalipto xa está superado, agora debemos pasar á seguinte fase: a da acción. Non podemos agardar a que os gobernos tomen a iniciativa fronte a eucaliptización e os lumes forestais; como cidadáns e cidadás debemos promover accións e medidas que procuren unha xestión sostible dos nosos montes”, apuntaron os participantes durante as conclusións.

Así, suliñaron que o problema non é tanto a especie (eucalipto), como a xestión que se fai dela (monocultivo, introdución masiva, incumprimento normativa, etc). E incidiron en que o bosque autóctono axuda a reducir e frear os lumes forestais, “porque se trata dunha cuestión de seguridade, ademais de ambiental, económica ou social”.

“Non debemos permitir que se normalicen as situacións catastróficas e as mortes provocadas polos incendios forestais. Debemos enfocar os esforzos de sensibilización e concienciación sobre o cambio de modelo forestal nas comunidades de montes veciñais, nas crianzas e na clase política”, suliñaron. 

Neste sentido, coincidiron en que a ILP forestal promovida por Cousa de Raíces pode servir como ferramenta de sensibilización social sobre a problemática da eucaliptización e dos lumes forestais e apostaron por buscar alternativas ao eucalipto, poñendo en valor aquelas experiencias reais que xa están a funcionar.

Participantes nas  I Xornadas Galego-Portuguesas fronte a eucaliptización e os incendios
Participantes nas I Xornadas Galego-Portuguesas fronte a eucaliptización e os incendios | Fonte: Cousas de raíces

“É preciso seguir presionando ás administracións para que dean cumprimento á lei e para que se planifique o modelo forestal, non para 4 anos, senón para varias xeracións de futuro. A nosa dinámica de traballo ten que ser distinta á dinámica política”, engadiron. Deste xeito, destacaron a necesidade de coordinarse mellor e  de traballar nunha campaña conxunta Galicia-Portugal fronte os lumes forestais e na defensa do bosque autóctono.

OS EFECTOS DOS EUCALIPTOS

As xornadas comezaron cunha palestra do biólogo e membro do grupo ecoloxista Hábitat, Cosme D. Romay, na que deu conta das características taxonómicas do xénero Eucalyptus e dos seus impactos sobre os territorio alleos ao seu país de orixe, Australia. Romay advertiu sobre o proceso expansivo do eucalipto a nivel mundial que se proxecta nunha ocupación de 25 millóns de hectáreas para 2020 (en 2008 ocupaba 19,1 M ha), sobre todo, nos puntos quentes (“hotspots”) de maior biodiversidade do planeta. Actualmente, a área cultivada de eucalipto é maior que a que ocupa o xénero de forma natural.

Sobre os impactos da especie no territorio galego-portugués, reseñou numerosos estudos que avalan os efectos negativos do Eucalyptus tanto no solo, como nos efluentes fluviais e reservas hídricas ou na proliferación dos incendios forestais,entre outros. Porén, lamentou que o discurso oficial non traslade esta información á opinón pública e asuma o discurso da industria pasteira.

Do outro lado da raia interviu Miguel Reis, membro da Asociación Quercus, para describir o actual escenario forestal do país veciño (o 26% da superficie forestal está ocupada com eucalipto e menos do 2% con carballeiras), que en 2014 se converteu no país de Europa con maior área de eucaliptos plantados. En concreto, na Zona Norte de Portugal,o 45% das masas arbóreas son piñeiro, o 28% son de eucalipto e o 17%, de carballos). Destacou que o eucalipto, que hoxe en día ocupa 900.000 há en Portugal, xa lle gañou a batalla ao piñeiro bravo. 

O ecoloxista luso criticou que os gobernos só estean a “olhar apenas o dinheiro” cando iso “não é gerir o territorio”, a grande materia pendente dos gobernantes, malia que considera esperanzador que recentemente se modificase a normativa forestal portuguesa para frear a expansión do eucalipto. Apelou á necesidade de reducir o consumo de papel, de reforzar a capacidade fiscalizadora, de elaborar un rexistro forestal simplificado e protexer os ríos e regatos deste tipo de plantacións.

EXPERIENCIAS REAIS

Ao encontro foi convidado tamén o presidente da Asociación de Moradores de São Simão, do concello de Figueiró dos Vinhos, unha das zonas máis asoladas pola vaga de lumes de xullo que provocou máis de 60 mortes en Portugal. Anibal Quinta propuxo “reagir” sen gardar pola iniciativa política, intervindo nas comunidades locais máis próximas”. Engadiu que “se somos interventivos, seremos escoitados polos políticos”. 

A ILP FORESTAL NO PARLAMENTO GALEGO

COUSA DE RAÍCES E A ILP FORESTAL Na sesión de tarde, Adela Figueroa e Virxinia Rodríguez de ADEGA presentaron a iniciativa Cousa de Raíces, a prol do bosque autóctono e conformada por unhas 60 entidades, e favoreceuse a discusión sobre as accións futuras desta rede e como mellorar o seu funcionamento. Neste senso, determinouse establecer grupos de traballo que aborden os distintos aspectos da campaña: comunicativo, penal, formativo, educativo, etc., acordando a necesidade de establecer contacto directo coas comunidades de montes e os centros de ensino. 

Fins Eirexas, secretario executivo de ADEGA, deu remate ao encontro coa presentación dos contidos da nova Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) forestal promovida por Cousa de Raíces, que foi aceptada a trámite polo Parlamento Galego e que, en poucos días, se porá a andar por todo o país para a recollida de apoios.

Intervención sobre as hectáreas queimadas na vaga de lume de outubro de 2017 nas  I Xornadas Galego-Portuguesas fronte a eucaliptización e os incendios
Intervención sobre as hectáreas queimadas na vaga de lume de outubro de 2017 nas I Xornadas Galego-Portuguesas fronte a eucaliptización e os incendios | Fonte: cousasderaices
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Arturo

Pero é que os eucaliptos non veñen do ceo. Non os prantan os marcianos, nen a Xunta. Prántanos os propios galegos, e porque queren, non coma consecuencia de nengunha "política forestal". Eso é lago evidente, pero nunca se di, porque non é popular decilo.

1 En fin

O titular da foto é caralludo "Avance do eucalipto fronte ás carballeiras" ... todo un síntoma da pluralidade coa que se deberon afrontar as xornadas... Claro que lendo o contido queda claro que con afirmacións como "numerosos estudos que avalan os efectos negativos do Eucalyptus tanto no solo, como nos efluentes fluviais e reservas hídricas ou na proliferación dos incendios forestais,entre outros" está clara a rigurosidade técnica demostrada nas memas. En fin.... Outra vez máis manipulación.