Por E.P. | VIGO | 27/11/2017 | Actualizada ás 19:03
O Xulgado do Penal número dous de Pontevedra absolveu do delito de homicidio imprudente ao axente da Garda Civil, de iniciais R.L.A., que en agosto de 2015 disparou e causou a morte a Javier Fernández, que foi batería da banda viguesa de rock Los Piratas.
Na sentenza, o xuíz declara probado que o 26 de agosto de 2015 o axente R.L.A. e outro compañeiro, acudiron á vivenda que o músico compartía coa súa muller e o seu bebé na parroquia de Guláns, en Ponteareas, para impedir unha suposta agresión doméstica.
Alí, a muller referiu que o home "agrediuna e continuaba agresivo". Os axentes e os sanitarios do 061 entraron na casa e empezaron a falar con Javier Fernández, pero "estaba cada vez máis agresivo" e comezou a dicir que os ía "matar a todos".
Nun momento dado, mentres o médico e o técnico do 061 foron á ambulancia a buscar sedantes, o músico fíxose cun coitelo e un tenedor.
Con estes instrumentos, "volveu de súpeto" e "abalanzouse" enriba dun axente, ao que empezou a agredir á altura do nariz e na zona pectoral.
Foi así como, segundo o xuíz, R.L.A., "consciente da situación de risco do seu compañeiro, a quen non podía auxiliar xa que el estaba situado no exterior da vivenda e dado que non tiña outro medio para evitar a agresión, sacou a pistola".
"Rapidamente, cando considerou que podía facer un disparo coa finalidade de ferir --a Javier Fernández--, disparoulle para impedir que continuase agredindo ao seu compañeiro", de forma que dirixiu o proxectil á perna.
"Pretendía coa súa acción protexer a vida do seu compañeiro, tendo intención de só ferir o agresor", a pesar do que morreu ao sufrir un desgarre na vea cava inferior.
Desta forma, o maxistrado entende acreditada "a necesidade do medio empregado e ademais, dadas as circunstancias, a súa proporcionalidade".
"A conduta do señor R.L.A. estaba totalmente xustificada e non foi contraria a dereito, o que, ademais, exclúe a existencia dun delito doloso de lesións", conclúe a sentenza.
Con todo, esta versión contrasta coa da muller do falecido, que sempre defendeu que non era un maltratador, que se atopaba en pleno brote psicótico e que e a súa morte, a mans dun garda civil foi "evitable" e "innecesaria".
PETICIÓNS
Por outra banda, o xuíz deduce o testemuño dunha das testemuñas, que remite ao Ministerio Fiscal por se considera que a súa declaración pode constituír un delito contra a Administración de Xustiza, xa que entende que o seu testemuño "é insustentable, e mesmo --pode incorrer-- nun delito do Código Penal".
As acusacións particulares --exercidas pola viúva, o irmán e os pais do músico-- pedían catro anos de prisión e seis de inhabilitación para o axente, mentres que a Fiscalía e o avogado do Estado sostiñan que este desenfundou a súa arma regulamentaria para defenderse da actitude agresiva da vítima, polo que entendían que non procedía "pena algunha".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.