Por Galicia Confidencial | Bierzo | 29/11/2017 | Actualizada ás 14:25
1.101. Ese é o número de estudantes que decidiron aprender a lingua dos seus antepasados nas comarcas do Bierzo e na Seabra (Sanabria), territorios que pertenceron ao antigo Reino de Galicia e nos que aínda se fala o galego, especialmente, nas súas zonas occidentais.
A comisión de seguimento do Programa de promoción da lingua galega no Bierzo e na Seabra, asinado polos gobernos galego e castelán leonés no ano 2001, deu conta esta semana nunha xuntanza en Santiago dun incremento de máis dun cento de alumnos e alumnas en centros de ensino infantil e primario de León e Zamora neste curso escolar 2017-2018.
Da docencia do galego nestas zonas estremeiras ocúpanse oito mestres e catro profesores que imparten aulas nos 19 centros adscritos, dos cales catorce son CEIP ou CRA, catro IES e a Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada. 88 alumnos e alumnas pertencen ao CRA Cubillos del Sil de León, que se incorpora este curso ao programa.
1101 estudantes en 19 centros de ensino
O alumnado que segue o programa distribúese, no caso dos centros de infantil e primaria, en León, CEIP da Quinta Angustia de Cacabelos, CEIP San Ildefonso de Camponaraya, CRA de Carucedo, CRA Jimena Muñiz de Corullón, CRA Cubillos del Sil, CEIP Compostilla de Ponferrada, CEIP Jesús Maestro de Ponferrada, CEIP Virgen del Carmen-La Placa de Ponferrada, CEIP Valentín García Yebra de Ponferrada, CRA del Puente de Domingo Flórez, CEIP Mª Luisa Ucieda de Toral de los Vados, CEIP de Toral de Merayo e CEIP San Lorenzo de Brindis de Vilafranca; e, en Zamora, CEIP Tuela-Bibey de Lubián. En total, 898 estudantes.
Canto aos IES adscritos ao programa, estes son o Bergidum Flavium de Cacabelos, o Padre Sarmiento de Vilafranca do Bierzo e os ponferradinos Europa e Virgen de la Encina, con 152 estudantes. Na Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada estudan galego no ano académico en curso 44 alumnos e alumnas nos catro niveis que se ofertan
Novas iniciativas de dinamización lingüística
Segundo destaca a Xunta, ambos os dous gobernos amosaron a súa satisfacción pola boa acollida do programa e ratificaron a súa colaboración para reforzalo con novas iniciativas de dinamización lingüística que redunden, a través de actividades específicas, exposicións ou outras, nun maior achegamento do alumnado á lingua e á cultura galegas, así como na incorporación de novos centros de ensino ao devandito programa.
Na xuntanza de seguimento participaron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; a subdirectora xeral deste departamento, María Lourdes Batán; o director xeral de Recursos Humanos da Junta, Jesús Manuel Hurtado; e a xefa de Servizo de Educación Infantil, Básica e Bacharelato da Dirección Xeral de Política Educativa e Escolar, Marta Piñeiro Ruiz. Por primeira vez, a reunión contou con dous representantes do Consello Comarcal do Bierzo, Gerardo Álvarez e Iván Alonso.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.