Temas: RC CELTA FúTBOL

O Celta sobrevive en Balaídos nun día de homenaxes a Berizzo e ás mulleres

Un solitario gol de penalti dá o triunfo a un Celta que sufriu na recta final do partido contra o Leganés. Os siareiros adicaronlle ao ex adestrador céltico unha sonora ovación no minuto 6.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 25/11/2017 | Actualizada ás 16:17

Comparte esta noticia

O Celta xogou un moi bo partido ante o CD Leganés, sobre todo nun segundo tempo no que deixou detalles dunha vistosidade exquisita, pero no que tamén sufríu nos minutos finais. Con todo, os celestes só lograron marcar desde o punto de penalti. Unha clara falta a Jonny dentro da área rival supuxo a pena máxima que, ao cabo, deu a vitoria aos vigueses. Iago Aspas foi o encargado de executar o penalti e, por undécima vez consecutiva en Primeira División, non o fallou.

O dominio céltico na segunda parte foi claro, con suficientes ocasións como para sentenciar o choque. Pero os goles non chegaron e o Leganés, forte e incansable, pelexou o empate ata o último alento. Case o conseguiu. Merecido triunfo dos de Unzué, que suman a súa quinta vitoria en Liga esta campaña.

Os xogadores do Celta portaron un pano violeta na súa saída ao campo en apoio ao Día Internacional Contra a Violencia de Xénero
Os xogadores do Celta portaron un pano violeta na súa saída ao campo en apoio ao Día Internacional Contra a Violencia de Xénero | Fonte: Celta

HOMENAXES

Antes do partido o Celta homenaxeou a cinco padeeiros galegos polos seus éxitos internacionais. Ademais, os xogadores portaron un pano violeta na súa saída ao campo en apoio ao Día Internacional Contra a Violencia de Xénero.

O Celta enviou unha mensaxe de apoio a Eduardo Berizzo, diagnosticado de cancro de próstata, a través de videomarcadores. Ademais a afección dedicoulle unha sonora ovación no minuto 6.

Jonny viu a quinta amarela e non poderá xogar o partido de Liga ante o FC Barcelona no Camp Nou.


FICHA TÉCNICA

1-CELTA: Rubén, Hugo Mallo, Fontàs, Cabral, Jonny, Lobotka, Jozabed (Radoja, min.82), Wass, Sisto (Emre Mor, min.76), Iago Aspas, Maxi Gómez (Guidetti, min.69).

0-LEGANÉS: Cuéllar, Siovas (Tito, min.57), Raúl García, Zaldúa, Muñoz (Dos Santos, min.45), Brasanac (El Zhar, min.23), Gumbau, Erik Morán, Guerrero, Szymanowski, Amrabat
Goles: Iago Aspas (1-0, min.23, de penalti).

Árbitro: Hernández Hernández, do comité de Las Palmas. Amonestou a Morán, Gumbau e Dos Santos (Leganés); Fontàs e Jonny (Celta).

Campo: Balaídos (10.840).

Temas: RC CELTA FúTBOL
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta