Recoñecemento da USC aos Mattelart, dous dos grandes teóricos da comunicación do século XX

O reitor imponlle a Insignia de Ouro desta universidade a Michèle e Armand Mattelart no transcurso da celebración do I Congreso Internacional da Asociación Galega de Investigadores e Investigadoras en Comunicación.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 20/11/2017 | Actualizada ás 19:14

Comparte esta noticia

Michèle e Armand Mattelart, dous dos grandes iinvestigadores no ámbito da comunicación do século XX tiveron este luns en Santiago de Compostela un destacado recoñecemento. Recibiron de mans do reitor da USC a Insignia de ouro da Universidade de Santiago de Compostela, que esta universidade lle concede a aquelas persoas físicas que sobresaian dun xeito especial nos servizos prestados á institución académica compostelá. 

Michèle e Armand Mattelart
Michèle e Armand Mattelart | Fonte: uva.es

O acto institucional de imposición contou coa participación da catedrática Margarita Ledo que realizou a laudatio dos dous investigadores homenaxeados. A proposta de outorgamento deste recoñecemento realizada pola Facultade de Ciencias da Comunicación subliña a influencia destacada do pensamento dos Mattelart na modernización dos estudos de comunicación na España das últimas dúas décadas do século XX “e, sobre todo, na orixe e desenvolvemento da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC”. 

AGACOM

Michèle e Armand Mattelart participan estes días en Compostela no I Congreso Internacional da Asociación Galega de Investigadores e Investigadoras en Comunicación (AGACOM) que se celebra co lema ‘Alén das fronteiras: redes de diversidade’ e cuxa inauguración presidiu este luns o vicerreitor de Oferta Docente e Innovación Educativa, Roberto López, xunto a quen tamén interviñeron o decano da Facultade, Xosé R. Pousa; o presidente da asociación, Francisco Campos; e a catedrática Margarita Ledo.

O recoñecido sociólogo e catedrático de Ciencias da Información e Comunicación da Universidade de París VIII Vincennes-Saint Denis, Armand Mattelart, pronunciou a conferencia inaugural titulada ‘Redes de vixilancia’. O programa proseguiu cun panel co lema ‘Lingua, comunicación e redes na diversidade’ e no que interviñeron o presidente da Real Academia Galega, Víctor Fernández Freixanes; o profesor da Universidade París VIII Vincennes-Saint Denis, Jacques Guyot; o presidente da asociación de investigadores de Cabo Verde (Mediacom), Silvino Lopes; e a xornalista María Yáñez, moderados polo presidente de AGACOM Francisco Campos Freire. Para pechar o programa matinal, a profesora da Universidade da Coruña Carme Costa coordinou unha sesións sobre a presentación de iniciativas, libros e revistas científicas. 

Pola tarde, foi a quenda da presentación simultánea de comunicacións que se organizaron en torno a sete grupos temáticos: historia da comunicación; estrutura, medios e soportes da comunicación; publicidade, relacións públicas e comunicación organizacional; teorías, métodos e técnicas de investigación da comunicación e da recepción dos medios; políticas da diversidade e discursos de xénero; cibercomunicación e cultura dixital; e miscelánea doutros.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta