Breogán segue imparable

O Cafés Candelas lucense vence 98-81 a ICL Manresa, un dos principais rivais para o ascenso, e mantense invicto con nove vitorias. Emir Sulejmanovic, MVP do partido con 16 puntos e 11 rebotes.

Por gcdeportes | Lugo | 18/11/2017 | Actualizada ás 22:44

Comparte esta noticia

Ficha técnica
CB Breogán 98:
Ricardo Úriz (16), Salva Arco (9), Löfberg (13), Demetrio (6), Guille Rubio (5) –cinco inicial- Matt Stainbrook (8), Christian Díaz (14), Emir Sulejmanovic (16), Danilo Fuzaro (7) e Sergi Quintela (4).
ICL Manresa 81: Gintvainis, Álvaro Múñoz, Lundberg, Hamilton, Jordi Trias –cinco inicial- Noah Allen, Lluis Costa, Sakho, Jou e Javi Múgica.
Parciais: 27-29, 30-11 (57-40), 17-12, 24-29 (98-81).
Árbitros: Juan Manuel Uruñuela e Cristian García Rodríguez. Sen eliminados.
Incidencias: partido da 9ª xornada da LEB Ouro no Pazo Provincial dos Deportes ante arredor de 4.500 espectadores.

Segue imparable o Cafés Candelas Breogán cara ao obxectivo. Chegaba a Lugo o principal rival cara ao ascenso, con tan só unha derrota, pero o Breo pasou por riba do Manresa e chegou a ter 26 puntos de vantaxe (74-48), aínda que as dúbidas do último cuarto (no que encaixou 29 puntos) deixaron o resultado final en 98-81. Triunfo importante, Manresa a dúas vitorias e +18 no basquet-average cara a un posible empate.

Comezou mal o Breo e Manresa anotaba sen problemas para adiantarse 4-15 en apenas tres minutos. Natxo Lezcano parou o partido e os lucenses reaccionaron cunha tripla de Úriz e un 2+1 de Lofberg. Malia as triplas de Úriz e Fuzaro, Manresa seguía con vantaxe (22-29), pero Emir Sulejmanovic achegou ao Breo cunha última tripla: 27-29.

Foi espectacular o segundo cuarto lucense. Arrinque cun parcial de 10-2 para poñerse por primeira vez por diante (37-31). Os de Lezcano apertaron en defensa e correron en ataque, e Manresa, moi errado no tiro, só anotou 11 puntos nos segundos dez minutos. Christian Díaz anotou unha tripla (40-33) e os puntos de Ricardo Úriz e Salvo Arco afastaron ao Breogán do rival ao descanso: 57-40.

Pouco acerto dos dous equipos no terceiro acto, pero a diferenza lucense seguía medrando. Tras unha tripla de Löfberg, 67-46 e tempo morto de Manresa. Canastras de Fuzaro e Demetrio, e máxima vantaxe (74-48). Chegouse ao último cuarto con 74-52. O último parcial arrincou cunha tripla de Christian Díaz (77-52) e o partido semellaba decidido. Pero a zona catalá atascou o ataque lucense e Manresa foise achegando cos puntos de Noah Allen ata un inquietante 86-77. Unha tripla de Christian Díaz sentenciou o choque e outra máis do base canario puxo o 98-81 definitivo no marcador. Nove vitorias en nove partidos. Barcelona B, vindeira cita.

Entrada a canastra do lucense Sergi Quintela.
Entrada a canastra do lucense Sergi Quintela. | Fonte: @CBBreogan

Ricardo Úriz, 16 puntos e 4/7 en triplas ante Manresa. / @CBBreogan
Ricardo Úriz, 16 puntos e 4/7 en triplas ante Manresa. / @CBBreogan
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta