Feijóo responde á candidatura á Unesco impulsada por Vigo: “Nós somos os propietarios das Cíes”

O presidente da Xunta mantén que a única candidatura posible a Patrimonio da Humanidade é a do Parque Nacional das Illas Atlánticas, que impulsa o seu Goberno. Sobre o traballo dos comités científico e económico-soclal creados pola Universidade de Vigo para guiar a candidatura das Illas Cíes do Concello vigués, di: "Unha vez presentada e admitida a nosa candidatura, pois non digo que estorben, pero bueno...".

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 17/11/2017 | Actualizada ás 18:48

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, deu hoxe resposta ás declaracións que o Comité científico da candidatura das Illas Cíes a Patrimonio da Humanidade, impulsada polo Concello de Vigo, fixo a Galicia Confidencial, nas que, en boca do seu coordinador, o catedrático Emilio Fernández Suárez —director do Campus do Mar—, se laia da nula colaboración dos expertos do Parque Nacional das Illas Atlánticas.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo

Feijóo, visiblemente molesto, insistiu este venres a Galicia Confidencial en defender a candidatura á Unesco que puxo en marcha a Xunta —a do Parque Nacional—, fronte á das Cíes que promociona o Concello de Vigo. O presidente da Xunta recordou que a súa xa foi aprobada polo Consello do Patrimonio Histórico para a súa inclusión na Lista Indicativa das candidaturas de España a Patrimonio da Humanidade. E, sen apenas disimular o seu enfado con esta disputa, lamentou que “é a primeira vez que ocorre” algo así, isto é, a concorrencia de dúas candidaturas cun mesmo fin.

"Do mesmo xeito que a Xunta plantexou a colaboración co Códice Calixtino co seu propietario, a Igrexa, e fomos da man e obtivemos a declaración de ben patrimonial, non entendo exactamente cal é a cuestión aquí", comparou o presidente, en referencia á candidatura impulsada polo alcalde de Vigo, Abel Caballero, e á que se sumou parte da elite científica do país nun grupo de traballo con investigadores das tres universidades galegas, do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) e do Instituo Español de Oceanografía (IEO). Este grupo colaborará con outro Comité económico-social, tamén con prestixiosos expertos, e un terceiro técnico creado polo Concello vigués.

Pero para Feijóo, nada teñen que facer porque, dixo como xefe da Xunta, "nós somos os propietarios das illas Cíes", a través do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas, xestionado pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio.

ABERTO A RECIBIR INFORMES

O presidente da Xunta fixo un exercicio de memoria para reivindicar a candidatura que xestiona o seu goberno como a única válida: "Cando empezamos con este tema, fixemos o expediente en soidade e, neste momento, ese expediente xa pasou unha fase e xa se atopa na que ten que estar".

Por isto, e non sen ironía, manifestou que "se hai alguén que nos queira pasar informes, nós encantados, pero a candidatura está presentada".

Nesta liña, e en resposta á creación dos comités científico e económico-social pola Universidade de Vigo —colaboradora na candidatura que impulsa o Concello vigués—, reiterou: "Se alguén quere pasar informes para que melloremos a candidatura xa admiitida a trámite, pois por suposto que os avaliaremos. Pero os informes xa existen e a candidatura está xa presentada", sentenzou.

"NINGUÉN NOS APORTOU DOCUMENTACIÓN"

Preguntado polas declaracións a Galicia Confidencial do coordinador do Comité científico, nas que este recoñece que non existe ningún tipo de contacto entre as partes e láiase de que os expertos do Parque Nacional non aceptasen a súa invitación para traballar xuntos, Feijóo contestou: “Non coñezo estas críticas. Nós traballamos na candidatura e ninguén nos aportou ningunha documentación durante meses. E agora que está admitida entre os candidatos a Patrimonio da Humanidade, parece que o Concello de Vigo lle encarga a un conxunto de profesores que respectamos, a todos eles, que fagan avalacións e informes", criticou.

"O que ocorre", segundo Feijóo, "é que esas avaliacións e eses informes, nestes momentos, unha vez presentada e admitida a nosa candidatura, pois non digo que estorben, pero bueno...".

Feijóo mantén así o seu pulso con Caballero e o Concello de Vigo, e insiste en subliñar que "é a primeira vez que ocorre unha cousa deste tipo”.

"O propietario das illas Cíes, que é a Xunta, é o primeiro interesado en que as Illas sexan declaradas Patrimonio da Humanidade", remarcou o presidente.

"DESDE O PARQUE NACIONAL NON CONTESTARON A NOSA INVITACIÓN"

Nunha entrevista con Galicia Confidencial publicada este venres, Emilio Fernández Suárez, coordinador do Comité científíco da candidatura que impulsa Vigo, deixaba caer que desde a outra parte —a Xunta— non houbo interese en establecer contactos.

Tamén confesaba que os científicos do Parque Nacional das Illas Atlánticas non aceptaron colaborar con eles. Así o explicaba: "O Comité Científico conformouse convidando a participar a persoas cuxa traxectoria profesional estivo vinculada ao estudo do Arquipélago de Cíes e, por tanto, atesouran unha parte significativa do coñecemento científico sobre este territorio. Son todos os que están, aínda que lamentablemente non están todos os que son. Teríanos gustado contar coa presenza de expertos do Parque Nacional, pero lamentablemente non contestaron a nosa invitación".

O director do Campus do Mar negou, ademais, que o proxecto do Concello e da Universidade de Vigo sexa localista e un desafío á Xunta, e garantiu a independencia do Comité que coordina para "reforzar a xa importante proxección internacional" das Illas Cíes.

Con todo, evitou polemizar abertamente e valorar a candidatura proposta pola Xunta de Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Pachi Lucas

O propietario das CIES é o pobo galego e non o Partido Podre

1 Gamela

En Vigo estamos fartos destes DOUS MAMARRACHOS !!! Ambos contan coas súas respectivas maiorías ABSOLUTISTAS para facer o que lles peta... Pero mentras tanto Vigo vai esmorecendo cada día máis, e supoño que nin os votantes do PP (Galicia) nin os votantes do PSOE (Vigo) poden facer absolutamente nada para meter en cintura aos dous CACIQUES que teñen secuestrada a Galicia e a Vigo !!! Semella retorcido pero é EVIDENTE! O Pergamiño Vindel escondido nun soto do Museo do Mar (Xunta) cobran 3 € cando anunciaron durante meses ca exposición era de balde... Vigo é un desastre cultural o MARCO a piques de pechar como tantos outros edificios baleiros na cidade! Deus os dá, i eles se xuntan para AFOGARNOS !!! https://twitter.com/Gamela2017/stat...